Skip to main content

No seu novo ensaio María Xosé Agra reflexiona sobre o sentido da xustiza e a igualdade

De esquerda a dereita, Dolores Álvarez, María Xosé Agra e Juan Blanco. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Dolores Álvarez, María Xosé Agra e Juan Blanco. Foto: Servimav-USC

“Vinganza e xustiza marcan o comezo e constitúen unha boa parte das reflexións que pretendo suscitar con este libro, que non son outras que rastrexar as dimensións, os xiros da xustiza, as conexións entre xustiza e democracia, a articulación de cooperación pacífica e igualdade democrática tomando como fío condutor a xustiza e a súa relación coa igualdade, coa idea do igual valor humano, co trato igual e co ser tratados como iguais”. O parágrafo corresponde ao texto introdutorio da profesora María Xosé Agra Romero presentando o que é o seu último traballo editorial. Como a súa propia autora destaca, “a xustiza, quizais o problema máis antigo da filosofía política”, é o núcleo de ¿Olvidar a Clitemnestra? Sobre justicia e igualdad , “un ensaio que desprega interrogantes ante o desconcerto, os medos, as incertezas e vulnerabilidades do mundo contemporáneos, páxinas que provocan reflexións sobre a xustiza e a igualdade”.

A catedrática de Filosofía Política María Xosé Agra, xunto coa vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o director do Servizo de de Publicacións, Juan Blanco Valdés, presentaron o libro este martes 22 no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O fío condutor da obra é a xustiza democrática e a igualdade, tomando como punto de partida a lección de Esquilo. Neste senso, María Xosé Agra considera que as achegas da filosofía feminista, das teóricas da xustiza constitúen un lugar privilexiado, nin exclusivo nin excluínte, para comprender a complexidade e os dilemas dunha política democrática e dunha sociedade máis xusta.

Tal e como a autora puxo de manifesto no acto público de presentación, as 222 páxinas do seu novo libro ofrecen “reflexión e interrogación que tento trasladar para que a xente pense comigo ou contra min”, porque “para ser quen de abordar conflitos hai que escoitar á outra parte, xa que oír a voz dos outros/as está no cerne da xustiza”.

María Xosé Agra
Catedrática de Filosofía Política na Facultade de Filosofía da USC, a liña de investigación da profesora Agra céntrase na filosofía política contemporánea, nas teorías da xustiza e na teoría crítica feminista. É autora de libros e artigos en revistas especializadas sobre xustiza, igualdade, cidadanía, multiculturalismo, vulnerabilidade e violencia.

USC editora
Herdeira da vella colección Monografías da USC —que entre 1971 e 2009 publicou 219 títulos—, USC Editora é unha iniciativa editorial creada en 2009. A través das series Académica, Clave, Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Ensaio, Manuais e Textos, concíbese como un selo comercial da USC rexistrado como marca europea que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, proporciona canle editorial a unha serie de publicacións sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa.

The contents of this page were updated on 11.22.2016.