Skip to main content

Unhas xornadas de sensibilización abordan a relación entre dereitos humanos e mobilidade dende múltiples enfoques

Cartel do encontro
Cartel do encontro

Co gallo de favorecer a visibilización da problemática da poboación emigrante entre a comunidade universitaria, o Servizo de Participación e Integración Universitaria celebrará este venres 18 e o sábado 20 as xornadas de sensibilización e formación ‘Migracións: dereitos humanos e mobilidade’ que ademais conta co recoñecemento dun crédito ECTS para todas as titulacións.

A idea perseguida con esta proposta formativa é achegar a quen se inscriba coñecementos sobre os procesos migratorios e abordar novos retos potenciando a transversalidade e o traballo en rede. Tamén se prestará atención ás políticas e lexislación en materia de estranxería e se promoverá a interculturalidade e unha actitude positiva cara a diversidade e os procesos migratorios.

O presidente da Comisión de Axuda ao Refuxiado en Euskadi, Javier Galparsoro, abrirá o programa ás 16.15 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía coa conferencia marco ‘ Migracións, dereitos humanos, interculturalidade e desenvolvemento’. A partir das 18.30 horas, a profesora en UVigo Iria Vázquez Silva presentará o relatorio ‘Mulleres entre dous mundos: as que emigran, as que quedan’.

O sábado 19 ás 10.00 horas a avogada e integrante da Fundación Humanismo e Democracia, Maite Bustamente, será a primeira que interveña para falar das políticas sociais e analizar a situación legal das persoas estranxeiras en España, con especial atención aos conceptos básicos relativos a situacións de regularidade ou irregularidade administrativa. Tamén pola mañá, abordarase a relación entre saúde e inmigración a través do relatorio da psicóloga de migración en Médicos do Mundo Galicia Belén Torrón que fará unha análise da atención sanitaria a persoas inmigrantes en Galicia dende unha perspectiva de Dereitos Humanos e Xénero.

A xornada concluirá coa mesa titulada ‘A intervención social con poboación emigrante e a importancia do traballo en rede. Historias de vida’, moderada por Javier Galparsoro e coa intervención de representantes de ACPP, Cruz Vermella, Humanismo e Democracia, Médicos do Mundo e Vagalume. A xornada completarase cun caso práctico en intervención social a entregar polo alumnado que precise o recoñecemento académico da actividade.

O programa poderá validarse por un crédito ECTS

The contents of this page were updated on 11.17.2016.