Skip to main content

O Campus Terra da USC forma veterinarios e biólogos cun curso de diagnose clínica e patolóxica en anfibios, peixes e réptiles

A patóloga canadense María Forzán, nun momento da súa intervención en Veterinaria
A patóloga canadense María Forzán, nun momento da súa intervención en Veterinaria
Este programa, organizado polo Grupo de Anatomía Patolóxica da USC, reúne preto de 20 alumnos de toda España e ten como relatoras dúas expertas patólogas de Canadá

Un curso en diagnose clínica e patolóxica en anfibios, peixes e réptiles, unha actividade de formación complementaria específica organizada polo Grupo de Anatomía Patolóxica da USC e impartida, entre outros relatores, polas recoñecidas patólogas canadenses María Forzán e Shannon Martinsos, profesoras e investigadoras do Atlantic Veterinary College da Universidade da illa do Príncipe Eduardo, cita esta semana preto de 20 asistentes na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC. A maioría das persoas inscritas neste programa son veterinarios e biólogos procedentes de Cataluña, Valencia, Madrid e Galicia.

Este curso de formación continua, estruturado en cinco créditos ECTS e dirixido polos profesores da USC María Isabel Quiroga Berdeal e Roberto Bermúdez Pose, contempla o desenvolvemento de sesións teóricas e prácticas, a través das que pretende amosar ao alumnado participante as diferentes técnicas de monitorización de poboacións silvestres e de diagnose, aplicadas ao estudo das enfermidades de peixes, anfibios e réptiles. O programa de formación continúa antóllase pois como un curso de especial interese e de máxima utilidade para profesionais de centros de conservación e manexo de fauna silvestre, veterinarios con interese na práctica clínica e animais exóticos ou de acuario, así como para estudantes de Veterinaria e Bioloxía que teñan unha clara vocación neste ámbito. O módulo teórico do programa permitirá aos participantes revisar a metodoloxía empregada no estudo de mortalidades de especies silvestres no campo. Estas sesións servirán asemade para abordar aspectos básicos da anatomía, fisioloxía e patoloxía clínica dos peixes, anfibios e réptiles. Doutra banda, tamén se fará especial fincapé na importancia da anatomía patolóxica como ferramenta de diagnose a través da presentación de casos prácticos ilustrados con abundante iconografía. As sesións prácticas do curso, que se desenvolverán nas xornadas do xoves e do venres en diferentes laboratorios da Facultade de Veterinaria de Lugo, permitirán afondar no estudo de casos prácticos en campo, empregando a metodoloxía necesaria para avaliar e monitorizar poboacións silvestres destas especies. O alumnado asistente poderá asemade realizar técnicas de diagnose non letais, necropsias en tartarugas, rás, salmónidos..., ademais de tomar mostras para diferentes estudos. Tamén existe a posibilidade de avaliar ao microscopio diversos casos, co obxectivo de adquirir nocións básicas de citoloxía e histopatoloxía en peixes, anfibios e réptiles, a fin de afondar no coñecemento dalgunha das súas enfermidades máis comúns e doutras que son menos cotiás.

The contents of this page were updated on 08.30.2016.