Clausuráronse os XXIX Cursos de lingua e cultura galegas
Os cursos ‘Galego sen fronteiras’ clausuráronse este venres na Facultade de Filosofía, o mesmo sitio onde a primeiros de mes chegaban persoas de distintos continentes interesadas en profundar no noso idioma e cultura.
O alumnado procedía de diferentes comunidades autónomas de España e doutros 16 países de Europa, América e Asia (Alemaña, Reino Unido, Finlandia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza, Arxentina, Brasil, Chile, Estados Unidos, Singapur e Xapón), que ademais de asistir estas tres semanas a clases teóricas e prácticas puido gozar de conferencias, visitas culturais e paisaxísticas, e obradoiros de música e baile galego, entre outras propostas.
A XXIX edición deste encontro estivo organizada pola Real Academia Galega (RAG), polo Instituto da Lingua Galega (ILG), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.