Skip to main content

Parasitólogos galegos perfeccionan a diagnose da fasciolose humana e animal

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Victoria Martínez, Ricardo Orbegozo e Florencio Martínez Ubeira (USC); e Marta González e Mercedes Mezo (Ingacal)
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Victoria Martínez, Ricardo Orbegozo e Florencio Martínez Ubeira (USC); e Marta González e Mercedes Mezo (Ingacal)
Esta doenza parasitaria sófrena 17 millóns de persoas en todo o mundo

A fasciolose é unha enfermidade parasitaria emerxente que afecta uns 17 millóns de persoas en todo o mundo, principalmente Asia e Latinoamérica, e que provoca importantes perdas económicas en animais de produción, sobre todo gando ovino e vacún. A OMS inclúea no programa de control integral das doenzas tropicais desatendidas.

A infección prodúcese por inxesta de vexetais crus contaminados con metacercarias (forma infectante do parasito) que proveñen dun pequeno caracol de auga doce que actúa como vector (Galba truncatula). En humanos a enfermidade cúrsase en catro fases, que inclúen o período de incubación, unha fase aguda, outra latente e unha última obstrutiva ou crónica. Os síntomas máis destacados teñen lugar durante a aguda, cando os parasitos migran e se alimentan do tecido hepático, e na crónica debido ás alteracións e obstrucións que producen os parasitos adultos nas vías biliares.

Para tentar frear o avance desta doenza, investigadores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (INGACAL), coordinados polos investigadores Florencio Martínez Ubeira e Mercedes Mezo Menéndez, respectivamente, acaban de perfeccionar a súa metodoloxía diagnóstica. Empregando mostras fecais, o novo método consiste nun test ELISA amplificado, que combina anticorpos monoclonais e policlonais e que detecta minúsculas cantidades das enzimas dixestivas (catepsinas) que liberan os parasitos nas vías biliares mentres se alimentan.

O traballo, cuxa primeira asinante é Victoria Martínez-Sernández, acaba de ser publicado na revista PLOS Neglected Tropical Diseases, unha das máis importantes polo seu índice de impacto no campo da parasitoloxía, e foi financiado en parte por proxectos concedidos polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia.

Detección en fases temperás
Aínda que existen tratamentos antihelmínticos –con medicamentos que tratan a infección por vermes–, o seu uso incontrolado provocou a proliferación de cepas resistentes que poñen en tela de xuízo a súa eficacia a curto e medio prazo. Os investigadores galegos agardan que o novo método permita agora un mellor control da enfermidade xa que posibilita a detección de animais con parasitacións baixas pero que seguen contaminando os pastos. O achado servirá tamén para valorar a eficacia dos tratamentos subministrados coa fin de impedir a dispersión de cepas resistentes.

Ademais, a súa alta sensibilidade permite percibir o parasito en fases temperás da doenza, “ co que se consegue mellorar de maneira significativa os procedementos que existen na actualidade para a súa diagnose”, matiza Florencio Martínez.

As compoñentes principais do test prodúcense e ensámblanse na USC, e posteriormente a empresa belga BIO X Diagnostics distribúeo por todo o mundo. Ademais deste test para detectar antíxenos parasitarios nas súas propias feces, os mesmos investigadores desenvolveron outros métodos para a detección de anticorpos no soro de pacientes ou en animais así como para a diagnose inmunolóxica de enfermidades causadas por outros helmintos como Trichinella ou Anisakis.

Kit comercial ensamblado

The contents of this page were updated on 07.21.2016.