Bioloxía acolle as xornadas internacionais de Fitosocioloxía e o congreso da Sociedade Española de Xeobotánica
As XXV Xornadas Internacionais de Fitosocioloxía e o II Congreso da Sociedade Española de Xeobotánica celebraranse dende este mércores e ata o venres 15 na Facultade de Bioloxía. O lema destes dous encontros será ‘Diversidade vexetacional en Latinoamérica e Europa: avances para o seu estudo e conservación’.
A xornada inaugural celebrarase este mércores 13 ás 9.30 horas na Aula Magna da Facultade e dará paso de inmediato a primeira conferencia da xornada así como á primeira sesión de comunicacións orais. A intención destes encontros que promove a Sociedade Española de Xeobotánica é promover un foro para expoñer o alto nivel das investigacións e coñecemento xerados dende hai décadas nos diversos ámbitos da xeobotánica europea e que se ten estendido cara África e Asia. O programa deseñado permitirá tamén resaltar os esforzos e avances levados a cabo noutros ámbitos de gran diversidade florística e vexetacional, facendo especial fincapé no continente americano.
Ademais da programación científica que continuará na xornada do xoves 14 na propia Facultade de Bioloxía, está prevista unha saída para visitar a vexetación natural na conca do río Mandeo, concretamente no tramo Curtis-Betanzos.