Skip to main content

A EPS de Enxeñaría de Lugo celebra este luns o Día da Muller e a Nena na Ciencia coa xornada ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O programa, organizado en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC, desenvolverase a partir das 10.00 horas. A inscrición está aberta en liña

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC celebrará este luns 11 de febreiro, a partir das 10.00 horas, as xornadas ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’, un foro organizado en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co obxectivo de facer visible o cometido desenvolvido por mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.

A xornada ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’ está estruturada nunha mesa de debate que se celebrará en quenda de mañá, a partir das 10.00 horas, na sala de xuntas do centro universitario lugués, baixo o lema ‘Visibilizando referentes, promovendo vocacións femininas’. Esta sesión, aberta á participación de todo o mundo e de inscrición gratuíta no enderezo electrónico www.usc.es/oix , estará moderada pola profesora e coordinadora da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, Ana Isabel García Arias.

Xunto con García Arias intervirán como relatoras catro mulleres científicas con protagonismo de seu, tal e como o son a profesora e investigadora do Departamento de Química Inorgánica da USC Isabel Fernández García; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia; Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC e a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadores e Tecnólogas de Galicia (Amit Gal), Ana Jesús López Díaz.

Este evento de carácter científico servirá asemade para a presentación dunha nova iniciativa promovida desde a EPS de Enxeñaría do campus de Lugo para favorecer o achegamento das rapazas ás titulacións universitarias de perfil técnico e científico e que se desenvolverá baixo o título ‘ Protagonistas, as enxeñeiras’.

The contents of this page were updated on 02.08.2019.