Skip to main content

Últimos días para inscribirse na cuarta Xornada Universitaria Galega de Xénero

De carácter gratuíto, reunirá o próximo 15 de xullo en Ciencias da Comunicación a persoal docente e investigador que traballa con perspectiva de xénero

O próximo martes 12 remata o prazo de inscrición na cuarta edición da Xornada Universitaria Galega de Xénero que analizará a práctica docente co obxectivo de impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como criterio de excelencia universitaria.

De inscrición gratuíta, celebrarase o próximo 15 de xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC co lema ‘Perspectiva de xénero na docencia universitaria’. É unha iniciativa promovida polas tres universidade galegas que permitirá o intercambio de experiencias entre o persoal docente e potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo.

A xornada busca servir de punto de encontro para o persoal docente e investigador galego que traballa con perspectiva de xénero. O programa a desenvolver a vindeira semana constará dunha conferencia inaugural titulada ‘O que a universidade debe ás mulleres’ que impartirá Marina Subirats, experta en educación e xénero e profesora emérita de Socioloxía da Universitat Autònoma de Barcelona. Ademais, completarán o programa tres sesións orais e unha de pósteres para a exposición das 40 comunicacións aceptadas.

Entre as temáticas tratadas, os debates estarán enfocadas cara á metodoloxía docente e perspectiva de xénero; innovación e boas prácticas na aula; integración da perspectiva de xénero no ensino virtual; a dimensión de xénero na titorización; dinámicas de xénero na aula; e comunicación inclusiva, o uso da linguaxe na docencia.

The contents of this page were updated on 07.07.2016.