Skip to main content

Comeza o luns o encontro internacional ‘1936, ¿un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’

Xusto 80 anos despois do golpe de estado do 36 e do comezo da Guerra Civil Española, o grupo de investigación Histagra organiza un congreso internacional que reunirá a vindeira semana na Facultade de Xeografía e Historia da USC algúns dos mellores especialistas internacionais.

O encontro ‘ 1936, ¿un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’ inaugurarase ás 9.00 horas na Aula Magna do centro nun acto no que participarán o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o alcalde da cidade, Martiño Noriega; e o alcalde da facultade, Juan Monterroso. Logo da inauguración terá lugar a conferencia plenaria ‘Memoria da historia, historia da memoria. A propósito da España do século XX’ a cargo de Ángel Loureiro, profesor da Universidade de Princeton.

Nesa apertura estarán tamén presentes os profesores da USC Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez Macho e Dolores Vilavedra Fernández, organizadores dun encontro que xorde “da necesidade de sentar as bases para unha reconceptualización da memoria e da historia sobre o golpe, a guerra e a ditadura”. Deste xeito, explican, “valorarase e analizarase unha nova codificación que xa leva un tempo a desenvolverse e confrontarase cuns relatos herdados que continúan a persistir, malia que con evidentes síntomas de esgotamentos”.

A maior parte do congreso desenvolverase na Facultade de Xeografía e Historia en torno a sesións de comunicacións e mesas redondas de variada temática na que participarán especialistas de todas as partes do mundo. Pero a diversidade de actividades ofertadas tamén pretende orientarse a diferentes tipos de públicos polo que os organizadores propoñen para o martes 19 ás 17.00 horas un café literario na sede da Fundación Granell co escritor Suso de Toro e un mini-ciclo de conferencias no Teatro Principal coa presenza do xurista español Carlos Castresana, a socióloga arxentina Elizabeth Jelin e o historiador norteamericano da Universidade de Yale, Ben Kiernan.

The contents of this page were updated on 07.15.2016.