Skip to main content

Na busca dun novo relato sobre a historia que marcou o 36

De dereita a esquerda, Antonio Míguez, Lourenzo Fernández, Martiño Noriega, Juan Viaño, Román Rodríguez, Juan Monterroso e Dolores Vilavedra (Foto: Santi Alvite)
De dereita a esquerda, Antonio Míguez, Lourenzo Fernández, Martiño Noriega, Juan Viaño, Román Rodríguez, Juan Monterroso e Dolores Vilavedra (Foto: Santi Alvite)
Comezou o encontro internacional ‘1936, ¿un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’

Xusto 80 anos despois do golpe de estado do 36 e do comezo da Guerra Civil Española, o grupo de investigación Histagra organiza un congreso internacional que reúne esta semana en Santiago algúns dos mellores especialistas internacionais nese período e que pretende “construír un xuízo informado do relato herdado”, como puxo de manifesto esta mañá na inauguración o profesor da USC Lourenzo Fernández Prieto, un dos organizadores.

O encontro ‘ 1936, ¿un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’ inaugurouse na Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que o reitor Juan Viaño se congratulou de que haxa propostas como estas de discusión, reflexión e debate sobre a necesidade de procurar novos enfoques á hora de achegarse aos innumerables relatos herdados sobre ese período histórico. “É sorprendente –dixo– que, oitenta anos despois, aínda haxa reticencias e mesmo resistencias activas en determinados ámbitos a reler e completar as análises sobre o golpe de estado do 36, a Guerra Civil española e a ditadura franquista”.

No mesmo sentido pronunciouse o alcalde da cidade, Martiño Noriega, que ademais destacou a faceta pioneira da Universidade compostelá na recuperación da memoria, en alusión ao traballo do grupo de investigación Histagra. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, agradeceu á organización a posta en marcha dunhas xornadas de reflexión “que levan consigo un traballo eficiente pola concordia”.

Xunto con Lourenzo Fernández Prieto, organizan este congreso os tamén profesores da USC Antonio Míguez Macho e Dolores Vilavedra Fernández, que resaltan “a necesidade de sentar as bases para unha reconceptualización da memoria e da historia sobre o golpe, a guerra e a ditadura”. Deste xeito, explican, “no congreso valorarase e analizarase unha nova codificación que xa leva un tempo a desenvolverse e confrontarase cuns relatos herdados que continúan a persistir, malia que con evidentes síntomas de esgotamentos”.

A maior parte do congreso desenvolverase na Facultade de Xeografía e Historia en torno a sesións de comunicacións e mesas redondas de variada temática na que participarán especialistas de todas as partes do mundo. Pero a diversidade de actividades ofertadas tamén pretende orientarse a diferentes tipos de públicos polo que os organizadores propoñen para o martes 19 ás 17.00 horas un café literario na sede da Fundación Granell co escritor Suso de Toro e un mini-ciclo de conferencias no Teatro Principal coa presenza do xurista español Carlos Castresana, a socióloga arxentina Elizabeth Jelin e o historiador norteamericano da Universidade de Yale, Ben Kiernan.

O congreso desenvólvese ata o 20 de xullo (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 07.18.2016.