O Espazo de Fotografía da USC abre a súa programación de cursos e monográficos
O Espazo de Fotografía da USC abriu esta semana a inscrición nos seus oito cursos e monográficos programados para este ano académico. O alumnado de grao que se matricule nalgunha das xornadas propostas e asista ao 80% das horas lectivas poderá recibir un crédito ECTS por cada 25 horas cursadas.
A programación desenvolverase ata o mes de maio e en quenda de tarde (de 19.00 a 21.00 horas) na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. Os catro monográficos versarán sobre o desenvolvemento da fotografía tanto a nivel técnico como histórico, a realización dun proxecto fotográfico, o procesado e retoque dixital e as técnicas de iluminación. Xa no apartado de cursos están previstos dous de iniciación á fotografía e á técnica e linguaxe fotográfica e outros dous de perfeccionamento técnico e de composición fotográfica e linguaxe visual.
Para acadar máis información sobre esta programación, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Cultura da USC, no edificio da Reitoría (Colexio de San Xerome), ou nos teléfonos 881.811.018 e 881.811.103.