Skip to main content

O proxecto internacional IRIS reúnese na USC para desenvolver recursos de aprendizaxe innovadores orientados á igualdade no deporte base

Promover a prevención da violencia, o racismo e a intolerancia no deporte a través de enfoques educativos innovadoras é o obxectivo central do proxecto internacional IRIS (Innovative learning Resources to foster equal participation In grassroots Sports, dealing with discrimination, racism and violence incidents) que este xoves 15 e o venres 16 celebrará a súa cuarta xuntanza de traballo na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). O encontro, a partir das 9.00 horas na Sala de Xuntas da Facultade está organizado por Adriana Gewerc, Raúl Eirín, Almudena Alonso, Ana Rodríguez Groba e Eulogio Pernas, integrantes do grupo de investigación da USC Stellae.

Á xuntanza acudirán tamén representantes do Centro Rexional de Formación Profesional e Aprendizaxe Permanente da rexión de Grecia Occidental; das universidades Konstantin Preslavski de Shumen (Bulgaria) e de Jyväskylä (Finlandia), da Asociación Deportiva Oltalom (Hungría) así como da Hellenic Open University (Grecia). O proxecto conta co financiamento da UE no marco do programa Erasmus +.

O grupo de expertos e expertas que se darán cita analizarán os recursos de aprendizaxe innovadores para fomentar a igualdade no deporte base, fronte incidentes de discriminación, racismo e violencia, con especial atención á información que permite a docentes de educación física e adestradores/as identificar situacións problemáticas ademais de axudalos a comprender os principios do código ético do deporte. Tamén son obxectivos de IRIS a formación a través de novos enfoques didácticos para tratar de previr situacións de discriminación, racismo ou violencia, proporcionar ferramentas educativas para aplicar e integrar estes enfoques nas actividades escolares e deportivas cotiás e capacitar no manexo das emocións infantís asociadas coa participación en actividades deportivas.

Produción e resultados
O grupo de especialistas de IRIS están a desenvolver unha plataforma de formación multilingüe que permita aos usuarios/as finais acceder a recursos de aprendizaxe relacionados coa prevención e a loita contra o racismo, a discriminación e a violencia. Entre as ferramentas nas que traballan atópanse Serious game, para nenos e nenas de 11 a 15 anos, con escenarios de xogo de rol; ou Cómic, dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 11 anos para familiarizalos con virtudes e ideas complexas aumentando a súa capacidade para aprender.

Tamén está previsto un manual para docentes e adestradores/as, con xogos interactivos estruturados, escenarios de xogo de rol, cuestionarios, temas para debuxar ou actividades deportivas con rotación de roles, entre outras, así como módulos de formación en liña para docentes, adestradores/as e profesionais no campo educativo e no deporte de base, que cubran áreas de pedagoxía, psicoloxía, asuntos sociais e ética deportiva. Ademais, elaborarase un documento sobre normativa para a súa posta a disposición de responsables políticos, formulando recomendacións sobre a forma de previr e afrontar este tipo de incidentes, ao tempo que definindo políticas rexionais e nacionais e estimulando o desenvolvemento de novas iniciativas locais. Todo o material producido en IRIS é de libre acceso no sitio web do proxecto.

Erasmus + no deporte
Erasmus + é o programa da UE nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte para o período 2014-2020. Apoia accións, a cooperación e as ferramentas coherentes cos obxectivos da Estratexia Europa 2020 e as súas iniciativas emblemáticas, como Xuventude en Movemento e a Axenda de novas cualificacións e empregos.

No campo específico do deporte, este programa apoia as accións que aumenten a capacidade e profesionalismo, melloren a capacidade de xestión e incrementen a calidade da implementación do proxecto da UE, así como a creación de vínculos entre as organizacións do sector do deporte.

The contents of this page were updated on 09.14.2016.