Skip to main content

O Campus Terra da USC amosa a súa oferta de actividades e servizos nunha xornada de benvida no auditorio de Veterinaria

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O programa ‘Benvid@s ao Campus Terra da USC’ desenvolverase este xoves, a partir das 11.00 horas, inclúe un acto institucional e a actuación do grupo musical ‘De Vacas’

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acollerá este xoves 15, a partir das 11.00 horas, a xornada 'Benvid@s ao Campus Terra da USC', a través da que se pretende presentar ante o alumnado todas as prestacións e servizos que se ofrecen na sede universitaria luguesa. Así, adoptando a modalidade dunha feira, os diferentes servizos que ofrece a USC no Campus Terra contarán cos seus respectivos stands dende os que distribuirán material informativo aos alumnos e alumnas, a fin de explicar en qué consiste a súa actividade.

Área de Cultura, Área de Orientación Laboral, Biblioteca Intercentros, Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus), Centro de Linguas Modernas, Oficina de Desenvolvemento Sostible, Oficina de Igualdade de Xénero, Oficina de Relacións Externas, Servizo de Deportes, Servizo de Normalización Lingüística e Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), serán os verdadeiros protagonistas desta xornada, na que tamén haberá tempo para gozar dun diverso programa de actividades culturais. Así, entre as 11.15 e as 11.45 horas, de xeito parello á actividade informativa dos stands, os alumnos e alumnas poderán asistir á representación da obra ‘Clic’, a cargo da compañía de danza USC-Lugo. A continuación, proxectaranse as pezas participantes no maratón audiovisual Fin de Curta, e cara ás 12.15 horas, un obradoiro de bailes latinos amenizará a xornada. O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a vicerreitora de Servizos, Carme Silva, participarán, a partir das 12.45 horas, no acto institucional da xornada, no que tamén estarán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos. Ao seu remate, o grupo musical De Vacas pechará a xornada cun concerto.

A xornada 'Benvidos ao Campus Terra' enmárcase dentro do plan de acción do proxecto 'Campus Terra', financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que aspira a fomentar a especialización da sede universitaria luguesa arredor do concepto Terra, entendido este dende unha perspectiva interdisciplinar, isto é, económica, medioambiental, social e cultural.

The contents of this page were updated on 09.14.2016.