Bioloxía, unha das sedes da fase galega da décima edición da Olimpíada de Xeoloxía
A Facultade de Bioloxía da USC e o Concello de Viveiro serán dúas das sedes que, xunto coa Escola de Minas en Vigo e a Facultade de Ciencias de Ourense, acollan este mércores 13 as probas correspondentes á fase galega da X olimpíada de Xeoloxía. Nesta décima edición participarán un total de 330 estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia –115 en Santiago–, o que supón un notable ascenso respecto a anos anteriores.
A olimpíada de Xeoloxía pretende fomentar o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, animar ao alumnado participante a comezar estudos universitarios relacionados coa Xeoloxía e destacar a importancia da preservación do medio natural.
Como en anos anteriores, na presente edición colaboran activamente na Universidade de Santiago, ademais de Bioloxía, o delegado do Reitor para o Ensino Medio e o Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola. Serán precisamente estes responsables universitarios quen dean a benvida ás 11:00 horas aos máis dun cento de rapaces e rapazas que competirán en Santiago e que tamén entregarán ás 17.30 horas os premios aos gañadores e gañadoras.
A fase española, convocada un ano máis polo Colegio de Geólogos, a Sociedad Geológica Española e a AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra), terá lugar o 6 de abril en Cáceres e a ela poderán concorrer as persoas que gañen cada fase territorial. De aí sairá a selección que competirá no certame internacional a finais de agosto en Daegu (Corea do Sur).