Skip to main content

Volven este mércores as ‘Regueifas de ciencia’ cun debate sobre a experimentación en animais

Volven este mércores as ‘Regueifas de ciencia’ cun debate sobre a experimentación en animais
Volven este mércores as ‘Regueifas de ciencia’ cun debate sobre a experimentación en animais

Logo de debater antes do verán sobre os transxénicos e o cambio de fuso horario, as ‘ Regueifas de Ciencia’ volven este mércores 21 á USC para discutir se está xustificado o uso de animais en experimentación científica. Será ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación cando os catro especialistas confronten as súas posturas.

‘Regueifas de Ciencia’ é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela financiada pola FECYT que consiste en diversos debates tipo Oxford (con moderador, quendas de palabra cronometrados, estrutura por bloques…) s obre cuestións polémicas baseadas na ciencia.

Posturas enfrontadas
No debate deste mércores atoparanse dúas posturas fortemente enfrontadas. Por unha banda, a da comunidade científica que defende estas prácticas á vista da multitude de controis e normativas para garantir que se utilicen animais só naqueles casos nos que non hai alternativas. Argumentan que non se pode facer ciencia sen eles, polo menos mentres os ordenadores non sexan capaces de mimetizar a complexidade dun organismo. Neste bando participarán o filósofo Fernando Savater e Emma Martínez-Sánchez, da Asociación Europea para a Investigación Animal (EARA).

Por outra parte, os detractores deste sistema pregúntanse ata qué punto é lícito ou eticamente aceptable levar a cabo experimentos con animais ou se compensa o seu sufrimento a cambio do beneficio humano. Poñen en dúbida certos experimentos como a inoculación de virus, descargas eléctricas, privación de comida, intoxicacións ou aplicación de substancias irritantes nos ollos e na pel. Forman parte deste equipo o filósofo e profesor da USC Óscar Horta e o avogado e membro do comité científico do Centro para a Ética Animal da Universidade Pompeu Fabra, Eze Paez.

Todos participan
Ademais de dar a coñecer os argumentos das distintas posicións arredor dun tema, os debates cumpren unha función de aprendizaxe e enriquecemento na audiencia que participa del. De feito, para comprobar a efectividade desta clase de accións dialécticas, á entrada na sala preguntaráselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema a tratar, que será confrontada xusto ao remate do debate.

O equipo que organiza estes debates, que se retransmiten en streaming dende a facultade, comezou xa a preparar o terreo da regueifa animando a un debate previo a través das súas contas en Facebook e Twitter (@regueifaciencia).

The contents of this page were updated on 09.20.2016.