Skip to main content

Máis de 70 personalidades do eido empresarial, universitario, científico, cultural e deportivo daranse cita en Compostela a vindeira semana

O oscarizado compositor arxentino Gustavo Santaolalla protagonizará a conferencia de apertura de Spin2016

Personalidades como o compositor galardoado con dous premios Oscar, Gustavo Santaolalla, ou o recoñecido chef Joan Roca participarán a partir do 29 de setembro no evento Spin2016, que facilitará o encontro entre o mundo da universidade, a cultura e o emprendemento.

Co compromiso de RedEmprendia, Banco Santander, a través de Santander Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia, e o apoio de máis de medio centenar de entidades públicas e privadas, Spin2016 contará coa participación de máis de 2.000 persoas de 20 países e de 70 relatores recoñecidos internacionalmente.

Apoiar e proxectar o talento emprendedor dos universitarios de América Latina, España e Portugal é un dos principais obxectivos de Spin2016, que ofrecerá conferencias, obradoiros creativos e seminarios, demostracións en vivo, un marketplace cos mellores proxectos emprendedores e un foro de investimento internacional para startups e spin-off universitarias.

Spin2016 rematará o 1 de outubro coa final do programa de emprendemento Model2Market, na que 30 proxectos finalistas de 10 países competirán por premios valorados en 100.000 euros cos que facer realidade as súas iniciativas empresariais.

Inspiración para novos emprendedores
O músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Premios Oscar á mellor banda sonora por Brokeback Mountain e Babel e de 17 premios Grammy, impartirá o 29 de setembro unha masterclass que marcará o inicio de Spin2016. Nela fará un repaso dos seus máis de 40 anos no mundo da música, nos que traballou sempre cun espírito aberto e innovador.

O cociñeiro español Joan Roca é outra figura destacada de Spin2016. Roca dirixe xunto aos seus irmáns ‘El Celler de Can Roca’, restaurante que mantén 3 estrelas Michelín desde 2009 e foi premiado como o mellor do mundo en 2013 e 2015. A súa vocación formadora e investigadora levoulle tamén a conducir a primeira xira internacional dun restaurante e un ambicioso programa de desenvolvemento de talento culinario en América Latina. Na actualidade lidera un proxecto de investigación botánica que busca a recuperación gastronómica de especies silvestres. ‘Emprender desde as raíces’ é o título da súa conferencia en Spin2016.

Completan a axenda de Spin2016 referentes como a escritora brasileira Nélida Piñón, Premio Príncipe de Asturias das Letras; o guionista e director de cine José Luis Cuerda; o ex seleccionador de fútbol Vicente del Bosque; a nomeada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgano da Aprendizaxe, Sakena Yacoobi; ou o paleontólogo e investigador español Juan Luis Arsuaga, director das escavacións en Atapuerca.

Xunto a eles compartirán escenario novas promesas do mundo do deporte, a cultura e o emprendemento, como a dez veces campioa do mundo de kitesurf Gisela Pulido; o director colombiano Simón Mesa, premiado en 2014 en Cannes pola súa curtametraxe Leidi; os emprendedores arxentinos Mariquel Waingarten e Gaston Frydlewski, creadores de Hickies, un revolucionario produto que aspira a eliminar os cordóns do calzado; ou a nova emprendedora peruana Mariana Costa, fundadora de Laboratoria, cuxo traballo a prol da integración das mulleres no ámbito tecnolóxico foi eloxiado por Barack Obama e Mark Zuckeberg.

Sobre Spin2016
Spin2016, de inscrición gratuíta, conta co patrocinio da Deputación de A Coruña, Estrella Galicia, Fundación EY, Indra, Gas Natural Fenosa, Google, Paypal, Tecnocom, a Fundación Paideia e Clarke, Modet & Co., e a colaboración de máis de medio centenar de organizacións públicas e privadas e universidades.

The contents of this page were updated on 09.21.2016.