Skip to main content

Abanca presenta na Facultade de ADE o programa ‘Móvete’, a través do que busca captar persoal para as súas oficinas de Lugo

Cartaz da xornada de selección de persoal de Abanca
Cartaz da xornada de selección de persoal de Abanca
A xornada de selección de titulados en ADE, Relacións Laborais e Dereito, desenvolverase este xoves, a partir das 16.30 horas, na Aula Magna do centro

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do campus de Lugo acollerá este xoves, a partir das 16.30 horas, a presentación do programa ‘Móvete’, unha iniciativa a través da que Abanca busca titulados e tituladas en Administración e Dirección de Empresas, Relacións Laborais e Recursos Humanos e Dereito para incorporar á rede de oficinas de que dispón a entidade financeira na provincia de Lugo.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, será a encargada de abrir esta sesión, un foro ideado como un proceso aberto de selección de traballadores, durante o que Abanca dará a coñecer de xeito directo a súa oferta de emprego, ao tempo que achegará información sobre os seus programas de captación de talento e outras iniciativas formativas sobre mercados financeiros.

A directora de Responsabilidade Social Corporativa de Abanca, Pilar Alves, abrirá a quenda de intervencións desta xornada coa exposición ‘Abanca 365 días socialmente responsables’, un relato a través do que dará conta dos principios que rexen a forma de traballo da entidade financeira e da súa preocupación pola sociedade á que presta servizo.

O director territorial de Abanca en Lugo, Javier Soto, e responsables de Capital Humano de Abanca afondarán de seguido no programa de captación de talento promovido pola entidade, ao tempo que achegarán información sobre a política de persoal da empresa. A xornada de busca de persoal programada por Abanca na Facultade de ADE de Lugo chegará ao seu remate cun obradoiro práctico sobre mercados financeiros, unha sesión formativa que estará guiada por Enrique Castro, director de Inversións de Abanca.

The contents of this page were updated on 02.12.2019.