Os ‘Encontros no Campus de Lugo’ rematan este venres coa visita de estudantes preuniversitarios de sete centros educativos
Estudantes de ensino medio procedentes de sete centros educativos da provincia de Lugo visitan este venres 12 de abril os centros universitarios da USC radicados en Lugo a través da xornada ‘ Encontros no Campus Terra de Lugo’, unha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ e orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da USC nesta sede universitaria a estudantes preuniversitarios.
O programa desta xornada de achegamento da USC ao estudantado preuniversitario comezará a desenvolverse a partir das 10.30 horas no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, dará a benvida aos participantes. De seguido, o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López González, fará unha presentación xeral do campus lugués. Ao remate desta exposición, un grupo de estudantes universitarios do campus de Lugo compartirá co auditorio as súas respectivas experiencias na USC, ademais doutras vivencias na cidade de Lugo.
Unha vez rematada esta sesión de presentación e benvida, os mozos e mozas presentes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completarán itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros. A xornada rematará ás 13.45 horas.