Dúas mostras na USC ensalzan as figuras de Xaime Isla e John Dewey
O pensador e educador americano John Dewey e o intelectual galeguista Xaime Isla Couto centran estes días na Universidade de Santiago dúas mostras nas Facultades de Ciencias da Educación e de Filosofía, respectivamente.
John Dewey
A Facultade de Ciencias da Educación, no Campus Vida, mantén aberta ata este venres 30 unha mostra bibliográfica arredor da figura de John Dewey (1859-1952), na que se compila boa parte da obra deste filósofo, psicólogo e pedagogo americano, considerado unha das figuras mais representativa da pedagoxía progresista. Faise con ocasión da edición en galego da súa obra central Democracia e Educación, no marco da colección ‘Clásicos do Pensamento Universal’ do Servizo de Publicacións da USC.
A exposición, disposta polo persoal da Biblioteca Universitaria baixo a coordinación das Bibliotecas de Ciencias da Educación de Santiago e Formación do Profesorado de Lugo e do profesor da USC Antón Costa Rico, inclúe obras de Dewey traducidas ao español baixo os impulsos “ republicanos” dos pasados anos 30, exemplares da obra cumio de Dewey Democracia e Educación. Unha introducción á filosofía da educación –máximo expoñente da defensa do ensino centrado no neno– en galego, portugués e francés, edicións posteriores de textos seus en español e estudos sobre o autor americano, entre outros.
Dewey significou un dos máximos mentores do movemento internacional da Escola nova e progresiva; Democracia e Educación amósase como un entusiasta manifesto da new era na educación, de notable influencia no século XX e de importante referencia a ter en conta na pedagoxía do século XXI.
Xaime Isla
Pola súa banda, a Facultade de Filosofía alberga a exposición ‘Xaime Isla Couto, raíz e utopía de Galicia’, co organizada pola Fundación Isla Couto e a Sociedade Interuniversitaria con motivo do centenario do intelectual galeguista.
Membro da Real Academia Galega, avogado, ensaísta e catedrático de universidade, Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1915 – Vigo, 25 de abril de 2012) foi un dos persoeiros fundamentais no galeguismo político, cultural e económico do século XX. Fundador da Federación de Mocedades Galeguistas, liderou en 1950, xunto con Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, a creación da Editorial Galaxia.
Tamén promoveu a editora SEPT e dirixiu a Revista de Economía de Galicia e a Revista Galega de Estudos Agrarios. Polo seu labor recibiu distinguidos recoñecementos, como a Medalla Castelao (1987), o Premio Trasalba (1992) e a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2001).