Skip to main content

As xornadas Hispano-Lusas de Historia do Dereito reflexionan sobre o control xudicial en España e Portugal dende o século XVI

A experiencia histórica do control xudicial en España e Portugal entre os séculos XVI e XX é o tema que abordará a quinta edición das Xornadas Hispano-Lusas de Historia do Dereito. Esta unha xuntanza que se celebrará a partir deste xoves 8 na Facultade de Dereito da USC e que se estenderá ata o venres 9 organizado por Mª Teresa Bouzada Gil, Isabel Graes e Pedro Ortego Gil.

Á xornada inaugural, este xoves 8 a partir das 9.15 horas, está prevista a asistencia do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel A. Cadenas; do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; e da secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro. No primeiro día do encontro revisaranse cuestións relacionadas coa formación dos xuíces en Portugal, o control dos xuíces no ordenamento portugués, o control xudicial en Indias ou as demostracións de control da Audiencia territorial de Galicia durante a vixencia das constitucións de 1868 e 1876, entre outras.

Xa o venres 9 prestarase atención a temas como a independencia do Poder Xudicial e a responsabilidade dos xuíces durante a Ditadura de Primo de Rivera, o control xudicial na II República española, os tribunais internacionais, o labor da Inspección Central de Tribunais no período franquista ou a realidade contemporánea do control xudicial.

The contents of this page were updated on 09.07.2016.