Skip to main content

USC e Larsa lanzan a segunda edición dos premios innovación á alimentación saudable ‘Impulsando Galicia’

De esquerda a dereita, Juan Méndez, Montserrat Valcárcel, Marta Barreiro e José Armando Tellado, na planta de Larsa en Outeiro de Rei
De esquerda a dereita, Juan Méndez, Montserrat Valcárcel, Marta Barreiro e José Armando Tellado, na planta de Larsa en Outeiro de Rei
O certame, que busca canalizar talento cara o emprendemento e a innovación, contempla premios por valor de 9.000 euros e o desenvolvemento de ideas e proxectos

A USC e a Corporación Alimentaria Peñasanta SA (Capsa), a través da súa factoría láctea Larsa, poñen en marcha a segunda edición dos premios innovación á alimentación saudable ‘Impulsando Galicia’, unha iniciativa orientada a promover a saúde a través da nutrición e os hábitos de vida saudables e coa que os seus promotores pretenden aproveitar o talento e xerar valor compartido que contribúa a avanzar cara un sector agroalimentario sustentable en Galicia.

O obxecto destes premios, cuxas bases están accesibles na web www.leitelarsa.es, contempla tres piares, como o son a canalización do coñecemento e do talento da sociedade e, nomeadamente o xerado no eido universitario, cara o emprendemento empresarial, o desenvolvemento de novos produtos lácteos e a implantación de innovacións tecnolóxicas en produtos, puntos de venda, ganderías, procesos de fabricación, ingredientes..., segundo indicou o director xeral de Corporación Alimentaria Peñasanta SA (Capsa). José Armando Tellado Nogueira sinalou asemade que esta nova iniciativa, que se encadra nas accións de responsabilidade social corporativa de Capsa, pretende servir de acicate para fortalecer e modernizar o sector lácteo galego, ao tempo que constata a forte aposta da factoría Larsa por Galicia, como o forte investimento que se está a realizar para ampliar a planta de Outeiro de Rei ou a actuación que proximamente se desenvolverá na factoría de Vilagarcía de Arousa.

Armando Tellado salientou na presentación da segunda edición dos premios Impulsando Galicia, un acto no que tamén participou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro; o coordinador deste proxecto de innovación tecnolóxica, Juan Méndez Dónega, e o gañador da primeira edición, o enxeñeiro agrónomo Pablo Fraga, que o obxectivo último destes galardóns pasa por fomentar o emprendemento e dar valor engadido ao sector agroalimentario a partir do aproveitamento do talento”.

A convocatoria dos premios innovación á alimentación saudable ‘Impulsando Galicia’ constitúe un exemplo máis da sinerxía entre a USC e o tecido empresarial da súa contorna, destacou Montserrat Valcárcel. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo sinalou asemade que estas colaboracións favorecen a transmisión de coñecemento desde a USC á súa contorna social e permiten así que a USC contribúa ao desenvolvemento socioeconómico da súa contorna.

Valcárcel fixo fincapé na relevancia que ten o sector leiteiro no sector primario e na economía tanto da provincia de Lugo como de Galicia, un factor que xustifica a convocatoria destes galardóns, dixo. A vicerreitora tamén sinalou que os Premios Impulsando Galicia, nos que nesta segunda convocatoria tamén colaboran as universidades da Coruña e de Vigo, é unha iniciativa acaída co proxecto Campus Terra, a través do que a USC pretende transformar a sede universitaria luguesa nun campus agroalimentario de referencia tanto en Galicia como no territorio nacional.

Premios ‘Impulsando Galicia’

Os premios ‘Impulsando Galicia’ son unha iniciativa aberta a estudantes universitarios, emprendedores, sociedades mercantís, empresas e universidades de todo o territorio nacional. Cada participante poderá presentar os proxectos que desexe ata o 25 de abril a través da web do certame habilitada no portal de Larsa. Unha vez formalizada a inscrición, as persoas que integren as diversas candidaturas deben remitir as correspondentes memorias dos seus proxectos innovadores ao enderezo electrónico premiosinnovacion [at] capsafood.com (premiosinnovacion[at]capsafood[dot]com). O prazo de presentación de memorias remata o 2 de maio.

Este certame está articulado en dúas fases, a inicial de recepción de proxectos e selección das mellores ideas e unha posterior, na que se procederá á presentación e ao desenvolvemento das ideas seleccionadas. Os tres proxectos mellor valorados polo xurado, cuxa composición tamén aparece recollida nas bases do certame recibirán premios económicos por un importe de 5.000, 3.000 e 1.000 euros, respectivamente. O fallo da segunda edición deste certame darase a coñecer en outono de 2019 e, no caso de que Capsa acorde desenvolver e comercializar os produtos o proxectos desenvolvidos, a compañía compartirá unha porcentaxe dos beneficios xerados cos seus promotores.

Outra das novidades desta convocatoria é que as cinco propostas valoradas inicialmente polo xurado contarán con cadansúa achega de 3.000 euros para o desenvolvemento de prototipos de produto en laboratorios que pasarán a integrar unha rede de centros de referencia para Larsa, segundo se puxo de manifesto na presentación deste certame.

The contents of this page were updated on 04.17.2019.