Skip to main content

O dúo de saxos [in]stabiles ensemble ofrece o martes un concerto no Paraninfo

O dúo de saxos [in]stabiles ensemble ofrece o martes un concerto no Paraninfo
O dúo de saxos [in]stabiles ensemble ofrece o martes un concerto no Paraninfo
Trátase dun recital solidario con achega voluntaria a favor da Cociña Económica de Santiago

Os saxofonistas Adrián Pais e Xabier Casal fundaron en 2015 o [in]stabiles ensemble, unha formación que o vindeiro martes, 3 de xaneiro, actuará ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). A entrada é libre e gratuíta, aínda que quen o desexe poderá facer unha achega a favor da Cociña Económica de Santiago.

No recital interpretarán seis pezas de diferentes épocas, comezando polo contemporáneo Juan Eiras e as súas ‘Diacronías I’. Seguiranlle os autores do XVIII Wilhelm Friedemann Bach e Carl Philipp Emanuel Bach e rematará con tres compositores do pasado século XX: Paul Hindemith, Bruno Mantovani e Francis Poulenc.

[in]stabiles ensemble
Adrián Pais e Xabier Casal levaron a cabo os seus estudos superiores de saxofón en España para posteriormente continuar a súa formación xunto a Marie-Bernadette Charrier no Conservatorio ‘ Jacques Thibaud’ de Burdeos. Alí adquiren un compromiso co instrumento así como no repertorio existente e de nova creación, e tras numerosos proxectos persoais xurde a idea dun proxecto conxunto, nacendo así esta formación.

Xabier é membro de Fukio Ensemble e Adrián de Art Sound Quartet. Con estas dúas formacións desenvolveron un traballo profundo da música de cámara. Realizaron distintas gravacións discográficas e participaron en numerosos festivais internacionais que foron retransmitidos por RTVE, Radio Cataluña, Radio Galega, WDR, Radio France ou Deutschlandfunk. Entre os dous xa presentaron varios traballos discográficos e coa perspectiva de próximos proxectos para o vindeiro ano.

Interesados na nova creación, traballan con numerosos compositores como Fabien Lévy, Juan Arroyo, François Rossé, Thierry Alla, Matias Far, Juan Eiras, Eckart Beinke, Agustín Charles ou Christophe Havel.

Na faceta pedagóxica os dous realizan diferentes masterclass tanto en conservatorios de grao profesional como de grao superior así como cursos e seminarios en Galicia, Madrid, Barcelona ou Andalucía.

The contents of this page were updated on 12.30.2016.