Skip to main content

O VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación cita no Campus Terra da USC investigadores españois e lusos

Cartaz do VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación
Cartaz do VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación
O congreso, organizado pola Sociedade Española de Historia da Educación, comeza este xoves, ás 16.00 horas, na Casa do Saber e continuará ata o sábado no Gran Hotel Lugo

Docentes e investigadores de universidades españolas e lusas debaterán sobre a actualidade da historia da educación, así como sobre os seus principais retos e interrogantes no marco do VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación, un congreso científico organizado pola Sociedade Española de Historia da Educación que comeza este xoves, ás 16.00 horas, no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC e que se desenvolverá ata o 10 de setembro na cidade de Lugo.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, o presidente do comité organizador do VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación e vicepresidente da Sociedade Española de Historia da Educación, o profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado, Eugenio Otero Urtaza; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o deputado provincial delegado da área de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deporte, Pablo Rivera, intervirán no acto de inauguración deste congreso, no que formalizaron a súa inscrición máis de medio centenar de profesores e investigadores universitarios de España e Portugal. Esta reunión científica preséntase como unha ‘summer school’, un formato que se estrea en Lugo e a través do que os organizadores deste congreso favorecen o encontro de mozos investigadores e doutorandos con algúns dos máis prestixiosos especialistas da península Ibérica con experiencia e traxectoria neste ámbito, sinala Otero Urtaza. Este docente cifrou en máis de 25 os relatores que intervirán nas distintas sesións programadas nun foro orientado a dar a coñecer as liñas de traballo emerxentes e abrir un debate sobre fontes tradicionais e novas, metodoloxías e temas de estudo e investigación na Historia da Educación. A catedrática da Universidade de Alcalá de Henares María del Mar del Pozo Andrés, abrirá este xoves, a partir das 16.30 horas, a quenda de relatorios do congreso cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘A Historia da Educación na España do século XXI: Tradicións, tendencias, retos e contradicións’. Ao remate da súa intervención e logo de completar unha visita ao xacemento da Domus do Mitreo, o profesor do Instituto de Educación da Universidade de Lisboa Joaquim Pintassilgo, presentará un balance da produción científica desenvolvida en Portugal no eido da Historia da Educación que leva por título ‘Balance da produción portuguesa (2009-2015): exemplo das teses de doutoramento’. A apertura, a partir das 20.00 horas, na sala de graos da Facultade de Formación do Profesorado dunha exposición sobre John Dewey, organizada co gallo da conmemoración do primeiro centenario da publicación en 1916 de ‘Democracia e Educación’, a obra cume deste educador norteamericano, servirá de colofón da xornada inaugural do VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación, un foro científico que celebrou a súa última edición en 2009 na localidade portuguesa de Paredes e que trasladará ao Gran Hotel Lugo as actividades incluídas no programa para as xornadas de venres e sábado. A exposición en homenaxe ao educador norteamericano permitirá aos asistentes coñecer a riqueza de fondos antigos cos que conta a USC nos seus campus de Lugo e Santiago, obras que en moitos casos pertencen ao período anterior á Guerra Civil, un período no que as ideas de Dewey se difundían e explicaban nas antigas Escolas Normales de España, onde eran acollidas con entusiasmo polo profesorado, especialmente, entre o maxisterio primario.

The contents of this page were updated on 09.07.2016.