Nace a Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN
O reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN), José Luis Llisterri, asinaron este mércores en San Xerome o convenio de creación da Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN quer ten entre os seus obxectivos a promoción da adquisición de habilidades e competencias profesionais entre o alumnado, o favorecemento da aprendizaxe colaborativa e a organización da Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada (ECOE).
O Grao de Medicina conta co nivel III do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES), o que esixe que o alumnado adquira durante o seu paso pola facultade unha maior formación práctica, debendo demostrar a súa aprendizaxe ao finalizar os estudos coa superación dunha ECOE. Esta proba presenta unha serie de características (uso de simuladores, pacientes estandarizados, avaliación de competencias concretas) que xustifican a posta en marcha de accións de formación do profesorado e de información do alumnado ademais da adquisición e mantemento de equipos.
Para estes novos retos é preciso unha actualización das ferramentas e tecnoloxías a empregar no grao así como dos novos métodos de ensinanza para a mellora da docencia. E é neste contexto no que se enmarca a nova cátedra, que con sede na Facultade de Medicina e Odontoloxía dirixirá o profesor de Fisioloxía e responsable da coordinación da ECOE da Facultade de Medicina, Víctor Manuel Arce Vázquez, xunto ao presidente de SEMERGEN Galicia, Sergio Cinza, como co director.
A da USC non é a primeira cátedra de SEMERGEN, a sociedade decana da medicina de familia en España que ten entre os seus obxectivos colaborar na formación dos futuros médicos de atención primaria e que conta cunha dilatada experiencia en actividades de formación mediante simulación médica.
Na sinatura estiveron tamén presentes a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Juan Gestal; a vicedecana do mesmo centro, Ángela Torres; e os directores da cátedra.