Xornada de emprendemento social e proxectos emprendedores na Facultade de Administración e Dirección de Empresas
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC acollerá este xoves, a partir das 12.00 horas, no salón de graos, unha xornada de emprendemento social e proxectos emprendedores, no marco da que diversos relatores explicarán e analizarán o alcance dalgunhas das iniciativas que está a desenvolver neste eido o centro universitario lugués.
A decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro Fernández, será a encargada de inaugurar a sesión cun breve acto de benvida a relatores e aos asistentes. De seguido, o responsable de desenvolvemento de Negocio e Xestión de proxectos en Impact Hub Madrid. Empren, Emilio Forján, abrirá a quenda de relatorios cunha exposición sobre a relevancia do emprendemento social.
Os proxectos en innovación educativa en Aprendizaxe e Servizo (ApS) centrarán a temática da intervención da profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC María del Mar Lorenzo Moledo. A profesora da USC na Facultade de ADE Guadalupe Vila presentará neste foro o proxecto de APS que se está a desenvolver no centro en colaboración con Aspnais, que tamén contará cun representante nesta xornada, que tamén servirá para facer balance do proxecto de ApS que implantando en materias de cuarto curso do grao en Administración e Dirección de Empresas.