Skip to main content

Profesorado abre un novo espazo na Aula de Expresión Plástica co proxecto ‘Deseño dun ambiente preparado’

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC inaugurará este xoves, a partir das 11.30 horas, un novo espazo creado na Aula de Expresión Plástica do centro, coa presentación do proxecto ‘Deseño dun ambiente preparado’, unha iniciativa desenvolvida por alumnado de cuarto curso do grao de Mestre en Educación Infantil e na que se recollen acción das filosofías educativas que salientan a importancia o espazo para o desenvolvemento da aprendizaxe, tales como o son as correntes de Montessori ou Reggio Emilia.

O proxecto ‘Deseño dun ambiente preparado’ realizouse grazas á colaboración da empresa luguesa Madeiras Besteiro e estará situado de xeito permanente na Aula de Expresión Plástica da Facultade de Formación do Profesorado, a fin de que se poidan realizar nestas novas instalacións experiencias conxuntas entre os estudantes dos graos en Mestre ou Mestra e o alumnado de educación infantil e primaria do Ceip Anexa, de Lugo. O deseño destes ambientes baséase nos principios de simplicidade, beleza e orde. Son espazos luminosos e cálidos, que inclúen linguaxe, plantas, arte, música e libros, segundo sinala o decano da Facultade de Formación do Profesorado. Francisco Rodríguez Lestegás explica asemade que este novo espazo está organizado en áreas de traballo, equipadas con mesas adaptadas ao tamaño dos nenos, e áreas abertas para o traballo no chan. Estantes con materiais pertencentes a diversas áreas de desenvolvemento rodean cada un destes sectores. O deseño do espazo como ferramenta de aprendizaxe nunca foi tido demasiado en conta en España, en parte debido a que a maioría de colexios foron construídos durante o franquismo e son un reflexo da metodoloxía reprodutiva dese momento. A escola, con todo, non é un lugar onde o mestre so transmite coñecementos, senón un lugar onde a intelixencia e a parte psíquica do neno se desenvolve a través dun traballo de experimentación con material didáctico especializado. O libro do doutor en Neurociencia Francisco Moura ‘Neuroeducación: so se pode aprender aquilo que se ama’ subliña precisamente neste senso que a construción dos colexios, ou de calquera outro edificio onde se ensina, debe, ademais de ter exquisita razón e cálculo no seu deseño e construción, conter emoción e sentimento. Daquela, a Facultade de Formación do Profesorado da USC busca coa apertura destas novas dependencias incidir na idea da “aula con alma”, é dicir unha aula onde ten cabida a diferenza e se pon en valor a produción dos nenos. A calidade do espazo, dos materiais e do deseño é fundamental para a consecución destes obxectivos.

The contents of this page were updated on 12.21.2016.