Os invernadoiros da Escola Politécnica Superior, un viveiro para os Hortos da USC
Os invernadoiros da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC téñense convertido ao longo dos últimos anos no viveiro de referencia dos Hortos da USC, un programa que botou a andar no curso 2010-2011 a iniciativa da Oficina de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, que promoveu a creación destes espazos como puntos de encontro da comunidade universitaria acaídos para a formación, o pracer de cultivar e tamén de compartir, sempre desde unha perspectiva agroecolóxica e coa pretensión de impulsar un modelo de desenvolvemento sostible.
O éxito dos Hortos da USC é compartido en boa medida coa Escola Politécnica Superior, un centro co que esta iniciativa universitaria tamén comparte o compromiso coas prácticas agroecolóxicas, que son as que rexen o día a día dos traballos desenvolvidos nos invernadoiros establecidos no campus de Lugo, nos que se producen boa parte das plantas que ao longo do ano se cultivan nos hortos da USC. Miguel Anxo Martínez, Cholas, é o responsable da produción do plantón que logo se emprega nos hortos urbanos da USC, mais non é o único que intervén neste proceso, no que tamén colaboran como asesores diversos profesores da EPS, entre os que, entre outros, está o vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), Xan Neira, segundo subliña a coordinadora da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira, quen precisa que o proceso de produción de plantón péchase coa recollida da semente que dará lugar ás novas plantas na temporada seguinte. Produción heteroxénea As especies hortícolas producidas nos invernadoiros da EPS e logo cultivadas nos hortos da USC son moi heteroxéneas e abranguen desde diferentes tipos de coles, tales como diversas variedades de repolo (da Chanca, Brunswick, corazón de boi), verzas, coliflor, brócoli ou lombarda ata cebolas (de Betanzos, da Veiga, de Merexo, doces, etc.). Porros, rúcula, leituga (catro estacións, primavera, folla de carballo, trocadero, etc.), espinaca, acelga, tomateiras (negro de Crimea, raf, Roma, corazón de boi, apementado, rosa ou Montserrat, cherri, avoa de Osedo, etc.), pementeiras (Arnoia, Oimbra, Padrón, doce italiano, morrón de Maor, morrón longo de Reus, Mougán, etc.), cabaciña beleza negra, sandía, melón, xirasol ou millo... son outras das especies producidas nos invernadoiros da EPS, nos que tamén se reservan espazos para outras especies aromáticas (perexil, xarxa, verdolaga, etc.) e plantas que facilitan a asociación de cultivos e o control das pragas, como é o caso do caravel chino ou a capuchina. Hortos urbanos en Lugo e Santiago A USC conta con tres hortos urbanos no campus de Lugo: dous comunitarios, o primeiro de balcón, na Facultade de Formación do Profesorado, e outro na Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, que, ano tras ano, rexistra unha participación moi activa por parte dos residentes. O terceiro dos hortos existente na sede universitaria luguesa, e que é máis grande e sobre terra, atópase emprazado a carón da sede do Ibader e está parcelado en pequenas zonas de traballo individual. Os campus universitarios de Santiago contan, do mesmo xeito que ocorre en Lugo, con tres hortos urbanos. Un está situado na praza da Residencia do Burgo das Nacións, bancais sobre o pavimento ou elevados, outro no edificio administrativo do CACTUS, xestionado exclusivamente por PAS, e o máis recente, nunha das terrazas da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE). A formación e o mantemento dos hortos segue os principios da agroecoloxía, iniciando en habilidades de cultivo ecolóxico e sustentable. De feito, este ano impartíronse no campus de Lugo tres sesións de formación, centradas na preparación do terreo e asociación de cultivos, as sementeiras, a preparación do solo e abonado (laboreo, déficit de nutrientes, etc.), e, os fitosanitarios ecolóxicos. Compartir un horto pode ser unha experiencia a través da que coñecer a outras persoas que comparten o interese na agricultura ecolóxica, a horticultura urbana ou simplemente o traballo na terra. Deste xeito, os hortos convértense en espazos para a cohesión da comunidade, practicando colectivamente un estilo de vida máis sostible e máis saudable, manteñen desde a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC.