Skip to main content

De cañas coa ciencia

Compostela será unha das 21 cidades españolas que celebren a vindeira semana o Pint of Science 2016 , un festival internacional que leva a ciencia aos bares co único obxectivo de facela accesible ao público e co que colabora a USC.

Así, a Nave de Vidán (Avda. Mestra Victoria Miguez, 44) acollerá do 23 ao 25 de maio, ás 20.30 horas e entrada libre, a intervención de tres relatores que falarán de ciencia e conversarán sobre distintas cuestión coas persoas que decidan achegarse ás sesións.

O 23 de maio participará a catedrática de Física Aplicada da Universidade de Vigo Betty M. León Fong coa charla ‘A volta do pirata da pata de pau’; a directora executiva de Nanogap, Tatiana López, que explicará a terceira dimensión da táboa periódica; e Beatriz Hervella, de 4gotas Atmosfera e Océano SL, que exporá o relatorio ‘O Galo de Barcelos 3.0’.

A xornada do 24 estará dedicada á nanobioloxía e para iso contarán con África González, do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e da Universidade de Vigo, que falará do ‘mundo do pequeno’; coa investigadora do CIMUS/IDIS de Santiago Carmen Rivas que explicará os virus emerxentes; e a catedrática de Xenética da USC Laura Sánchez Piñón, que intervirá coa charla ‘ Garrod, Santa Pola e a edición xenética’.

A luz e as estrelas centrarán a última sesión do festival, a do día 25, na que participarán tres docentes da Universidade de Santiago. Comezará a profesora do Departamento de Electrónica e Computación e investigadora do CiTIUS Dora Blanco Heras coa charla ‘Escoitando a luz’, para seguir con ‘Eses astrónomos tolos polo ceo...’ da profesora e investigadora do Observatorio Astronómico da USC Josefina F. Ling e rematar coa profesora do departamento de Xeometría e Topoloxía María Elena Vázquez Abal co relatorio ‘Curvatura: O perfil sexi da Xeometría’.

The contents of this page were updated on 05.19.2016.