Skip to main content

A ópera ‘Dido e Aeneas’, este domingo no Paraninfo da Universidade

A ópera ‘Dido e Aeneas’, este domingo no Paraninfo da Universidade
A ópera ‘Dido e Aeneas’, este domingo no Paraninfo da Universidade

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, será o escenario no que o Laboratorio de Ópera Barroca e a Orquestra do Curso de Música Antiga da ESMAE presenten este domingo 22 ás 20.00 horas a ópera ‘Dido and Aeneas’ de Henry Purcell (1659-1695).

O recital, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela en colaboración coa USC, é o resultado do traballo realizado no ámbito das disciplinas de Laboratorio de Ópera Barroca e Prácticas Colectivas do Curso de Música Antiga da ESAME durante o segundo semestre de 2015-2016.

‘Dido and Aeneas’ (1682) é unha ópera en tres actos baseada no Libro IV da Eneida de Virgilio, escrita entre 30 e 19 a. C na que se describen as orixes e o crecemento do Imperio Romano. O libreto é do poeta Nahum Tate (1652-1715) e conta a historia dramática do amor entre a Raíña Dido, de Cartago, e Aeneas, príncipe de Troia.

Despois de que os gregos saquearan Troia, Aeneas parte á procura dun novo territorio para fundar unha nova cidade. Chega a Cartago, ao palacio da Raíña Dido, quen fica perturbada coa súa presenza. O príncipe pretende casar con Dido e así xuntar as forzas para formar un novo reino. Belinda, confidente de Dido, e a Corte incentivan á Raíña para que case con Aeneas. O plan é desfeito pola malvada feiticeira, inimiga de Dido, coa axuda das súas bruxas e seres maléficos. Aeneas, enganado pola figura de quen asevera ser Mercurio, cre que debe partir na conquista de outros territorios e abandonar a súa amada. Dido non perdoa ao Príncipe e rexéitao, así como ao seu arrepentimento, e entrégase á dor.

The contents of this page were updated on 05.20.2016.