O profesor Juan Lema Rodicio ingresou na Real Academia Galega de Ciencias
A lectura do seu ‘Do antropocentrismo ao ecocentrismo, ou da enxeñaría sanitaria á enxeñaría ambiental’ marcou protocolariamente o ingreso este mércores do catedrático de Enxeñaría Química da USC Juan Lema Rodicio como académico da Real Academia Galega de Ciencias.
Juan Lema licenciouse en Ciencias Químicas da USC en 1971 para logo obter o grao de doutor en Ciencias na mesma universidade, á que se incorpora definitivamente como docente en 1986 procedente da Autónoma de Barcelona. No ámbito da investigación foi pioneiro e está considerado unha referencia mundial na área da biotecnoloxía ambiental, principalmente na degradación anaerobia de contaminantes. O seu traballo aválano as 52 teses doutorais dirixidas, numerosos proxectos de investigación nos que participa e lidera, varios contratos con empresas e máis de 300 artigos publicados en revistas de alto impacto científico.
O novo académico coordina varias redes de investigación, entre elas Acción Water 2020, na que participan 165 investigadores de 32 países; a Rede Novedar, integrada por 10 grupos de investigación españois; ou a Rede Galega para Tratamento de Augas, con 11 grupos das tres universidades galegas. Ademais en 2015 foi nomeado honoris causa pola Pontificia Universidade Católica de Valparaíso de Chile. Entre os seus actuais temas de investigación atópanse o modelado e o control de dixestión anaerobia de augas residuais e residuos; a eliminación de microcontaminantes en augas residuais en plantas de tratamento ou a produción de bioplásticos a partir de residuos lignocelulósico.
Na área de xestión académica desempeñou un papel preponderante na concepción e concreción da carreira de Enxeñaría Química en España e foi promotor e primeiro presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Enxeñaría Química. Profesor do Departamento de Enxeñaría Química, que tamén dirixiu, exerceu os cargos de director do Centro de Transferencia Tecnolóxica e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE).