Skip to main content

Francisco Durán Villa, elixido decano de Xeografía e Historia

O profesor Francisco Durán Villa acaba de ser elixido decano da Facultade de Xeografía de Historia logo da votación celebrada en xunta de centro e na que se computaron 45 votos a favor e 12 en branco. Durán Villa é docente da Área de Análise Xeográfica Rexional do Departamento de Xeografía. As súas principais liñas de investigación son a emigración, a demografía, a xeografía humana e os procesos asociados ao empobrecemento. Ademais desenvolveu diversos cargos de xestión como a dirección e a secretaría do Departamento de Xeografía, ou a secretaría da propia Facultade. Ademais foi vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación continua da USC.

Entre as súas prioridades dos vindeiros anos, Francisco Durán proponse avanzar no legada previo, “con resultados moi satisfactorios obtidos polos equipos liderados polo profesor Juan Monterroso e coa convición clara de darlle continuidade”, sinalou o novo decano. No ámbito da docencia, logo do esforzo feito pola implantación de graos e másteres, Durán considera como obxectivo fundamental a renovación das acreditacións para o mantemento de todas as titulacións tanto de grao como posgrao e doutoramento. Tamén fixa como obxectivo do seu mandato traballar no impulso de programas de formación e no apoio aos grupos de investigación dentro das competencias do centro.

De cara ao alumnado, proponse apoiar a acollida en primeiro así como o programa de intercambio, con especial atención ao programa de titores. Outras cuestións ás que prestará especial atención fan referencia ao valor patrimonial do edificio que acubilla a facultade así como estimular a mobilidade internacional e a participación do centro no futuro Campus da Cidadanía.

Completan o novo equipo decanal Begoña Fernández Rodríguez como vicedecana de Asuntos Académicos; Margarita Barral Martínez, vicedecana de Asuntos Económicos; e Fernando Pérez Rodríguez, como secretario.

The contents of this page were updated on 12.05.2016.