Benito Zambrano, esta tarde en Ciencias da Educación
O director de cine Benito Zambrano comentará este xoves 27 a súa película ‘Solas’ no cinefórum do ciclo ‘Ler o mundo hoxe... no diálogo Universidade-Sociedade’. Logo da proxección, ás 17.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida), Zambrano comentará cos asistentes a súa ópera prima, que en 1999 recreaba a historia de dúas mulleres, nai e filla, que xa na súa madurez teñen que convivir durante un tempo baixo o mesmo teito.
A equidade de xénero é o eixo nesta ocasión do ciclo que organiza o grupo Sepa_Interea co obxecto de fomentar as prácticas lectoras no seo da comunidade universitaria e na sociedade en xeral. A proxección desta tarde finaliza este bloque dedicado a xénero, que xa celebrou un debate aberto coa xornalista Tareixa Navaza e a escritora Teresa Moure, unha visita guiada á cidade compostelá e unha mesa de experiencias sobre como educar para conciliar.
O Foro
Ao longo de novembro, o Foro orientarase dende a perspectiva da cidadanía e participación (días, 3, 9 e 16) e en decembro en clave de sustentabilidade ambiental: (días 1 e 14). A proposta integra catro lecturas do mundo dende unha perspectiva multidisciplinar e tres actividades transversais. As lecturas converxen con catro das liñas de investigación do grupo: os tempos educativos e sociais, a equidade de xénero, a construción da cidadanía nos procesos de participación social e a sustentabilidade ambiental. Pola súa banda, as actividades transversais concrétanse nun concurso de microrrelatos, un concurso de ideas para fomentar o hábito lector na Universidade, así como na celebración do Día Internacional da Lectura Universitaria que celebra a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), da que a USC forma parte, e que coincide co 29 de abril de 2017.
Na web do grupo http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/sepa_interea/ e no facebook https://es-la.facebook.com/sepa.interea/ pódese consultar o programa desta iniciativa, a desenvolver entre os meses de setembro de 2016 e maio de 2017, en diferentes espazos e equipamentos de Compostela, Lugo e Rianxo para compartir coloquios, diálogos, música, teatro e literatura nas súas diferentes modalidades (narrativa, poesía, ensaio, ...). O equipo de coordinación deste Foro está integrado polos profesores da USC José Antonio Caride, Belén Caballo, Rita Gradaílle, Pablo Meira e Laura Varela, aos que se engade o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña, membro da Comisión Directiva da RIUL en representación das Universidades galegas.