Skip to main content

Preséntase en Santiago o documental ‘Una rosa para Soler’

Preséntase en Santiago o documental ‘Una rosa para Soler’
Preséntase en Santiago o documental ‘Una rosa para Soler’
Participará a autora, Arantxa Aguirre, e a afamada pianista Rosa Torres-Pardo

Organizado polo Departamento de Fotografía da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo e polo Grupo de investigación de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o vindeiro 2 de novembro presentarase en Santiago o documental ‘Una Rosa para Soler’, de Arantxa Aguirre Carballeira, que rescata a figura do compositor Antonio Soler (Olot,1729 - San Lorenzo de El Escorial, 1783), figura fundamental da música española para clave e órgano do século XVIII.

A proxección terá lugar ás 19.00 horas no Paraninfo e contará coa propia autora e coa pianista e tamén produtora do documental, Rosa Torres-Pardo, que ofrecerá un pequeno recital ao piano dalgunhas composicións do músico catalán. O acto presentarao a catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, Margarita Ledo Andión, escritora, directora de cine e membro da Real Academia Galega. Tras finalizar o acto haberá un coloquio aberto co público no que participarán as dúas autoras e que moderará o xornalista e profesor da EASD Mestre Mateo Xoán Luaces Fandiño.

Rosa Torres-Pardo é unha das intérpretes de piano máis recoñecidas e solicitadas do panorama clásico actual. Aclamada polo seu virtuosismo e con múltiples gravacións ao redor de compositores do século XX como Falla, Albéniz, Granados ou Antón García Abril, tamén realizou variados proxectos teatrais (‘Música callada. La vida rima’, en compañía de Ana Belén) ou cinematográficos (‘Iberia’, de Carlos Saura). O seu último álbum, ‘Goyescas’, foi editado polo selo Deustche Grammophon en conmemoración do centenario do compositor Enrique Granados (1867-1916).

Directora de numerosos longametraxes documentais recoñecidos en festivais internacionais, Arantxa Aguirre Carballeira ten traballado como axudante de dirección con Basilio Martin Patino, Mario Camus, Pedro Almodóvar, Carlos Saura ou José Luis García Berlanga. Tras o seu premiado documental ‘El esfuerzo y el ánimo’, a súa derradeira obra ‘Dancing Beethoven’ sobre a xira xaponesa do Ballet Maurice Bèjart de Laussanne acaba de ser estreada na Seminci de Valladolid con moi boa acollida. Actualmente un dos seus filmes documentais exhíbese na Deputación de Pontevedra dentro da exposición O rostro das letras. Escritores e fotógrafos en España, desde o Romanticismo ata a Xeración de 1914.

Soler y Ramos
O compositor, organista e clavecinista Antonio Soler y Ramos segue a ser hoxe un descoñecido para gran parte da poboación, aínda que a súa obra é unha das máis importantes do catálogo español de música do siglo XVIII. Nado en Olot en 1729, o autor tivo a oportunidade de estudar no Monasterio de Montserrat, no que adquiriu os seus primeiros coñecementos musicais como neno cantor da escolanía monacal, para trasladarse posteriormente, xa como membro da orden relixiosa de San Jerónimo, a El Escorial, onde permaneceu o resto da súa vida, consagrada á composición e a interpretación. Foi tan alta a súa valía que chegou a ser titor do Infante Gabriel de Borbón, fillo de Carlos III, con quen facía música e a quen lle compoñía obras para que as interpretase.

Unha das súas obras mestras tivo especial transcendencia: o fandango para clave. Precisamente en torno a esta obra que se inspira nun dos paus do flamenco articúlase a narración do documental realizado por Arantxa Aguirre e tendo como promotora a Rosa Torres-Pardo. Nel ademais cóntase coa participación de coñecidos solistas como a cantaora Rocío Márquez, o clavecinista Nicolau de Figueiredo, os bailaríns Juan Carlos Martínez (actual director do CND) e Lucía Lacarra, e distintos musicólogos e compositores como Andrés Ruiz Tarazona, Alfredo Aracil ou Ricardo Llorca.

‘Una rosa para Soler’ presentouse xa en Barcelona, Madrid (Academia de Bellas Artes de San Fernando), Tokio, Nova York (Julliard School of Music) e París. Ademais, proxectarase en cinco capitais iberoamericanas e en Los Ángeles a través de AECID.

The contents of this page were updated on 10.28.2016.