Histagra organizará en xullo un congreso internacional que revise a memoria e a historia do golpe, a guerra e a posterior ditadura
O congreso internacional ‘ 1936, ¿un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’ xorde da “necesidade de sentar as bases para unha reconceptualización da memoria e da historia sobre o golpe, a guerra e a ditadura”. Entre os días 18 e 20 de xullo a xuntanza pretende “valorar e analizar unha nova codificación que xa leva un tempo a desenvolverse e confrontala cuns relatos herdados que continúan a persistir, malia que con evidentes síntomas de esgotamentos”, explican os promotores deste congreso cuxa organización encabezan Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez Macho e Dolores Vilavedra Fernández do grupo Histagra.
O encontro está concibido como un espazo de debate entre todos os participantes para que que está previsto que as intervencións dos relatores sexa de como máximo 15 minutos con réplicas doutros 5 minutos para facilitar a discusión aberta a todos os investigadores/as asistentes. Cada unha das xornadas dedícase a unha cuestión específica, comezando por avaliar se está esgotado o relato sobre a guerra civil e continuando polo bloque titulado ‘Un novo coñecemento para outros relato’, ata rematar co relativo á dimensión ética dos novos relatos sobre o pasado incómodo.
Como explican os investigadores, historiografía e estudos literarios pretenden dialogar neste foro arredor das visións e interpretacións que “a sociedade española actual manexa dun pasado incómodo e a dimensión ética do seu coñecemento” pero tamén para debater sobre “a necesidade dun novo relato sobre ese pasado e máis sobre os elementos dispoñibles para construílo”. As sesións celebraranse na Facultade de Xeografía e Historia e no Teatro Principal de Santiago.