Skip to main content

O Campus de Linguas de Verán da USC ofertará 34 cursos intensivos de idiomas en Santiago e Lugo

Katerina Vlasakova e Roberto López na presentación celebrada na Sala de Prensa. Foto: Servimav-USC
Katerina Vlasakova e Roberto López na presentación celebrada na Sala de Prensa. Foto: Servimav-USC
Diríxense á comunidade universitaria e a maiores de 16 anos

O Campus de Linguas de Verán da USC ofertará 34 cursos intensivos en Santiago e Lugo dirixidos tanto á comunidade universitaria como a persoas maiores de 16 anos, con diferentes posibilidades de horario e nivel académico. O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, e a directora do Centro de Linguas Modernas, Katerina Vlasakova, presentaron este mércores os detalles desta programación de cursos de idiomas intensivos.

A oferta do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) inclúe entre as súas novidades para este verán cursos intensivos de preparación do exame Noken de Lingua xaponesa, un curso de lingua inglesa para fines académicos, outro de lingua chinesa a través dos seus textos, un intensivo de inglés nivel B1 de 80 horas durante xuño e un curso de galego para non galegofalantes. A oferta total deseñouse tendo en conta a grande acollida tanto en número de persoas matriculadas como en valoración das últimas convocatorias.

Todas as persoas interesadas en cursar alemán, inglés ou francés en Santiago ou inglés en Lugo terán que realizar un test de nivelación o día 15 de xuño, ás 14.00 horas na Facultade de Dereito (Santiago) ou na de Humanidades (Lugo). Para este test, será preciso realizar unha inscrición que se poderá formalizar a través da web do CLM ata o 14 de xuño. O prazo xeral de matrícula remata o 30 de maio aínda que se ampliará ata o 30 de xuño en función da dispoñibilidade de prazas e para as persoas que teñan realizado o test de nivelación.

En Santiago, en nivel de iniciación, poderán realizarse cursos de alemán, árabe, catalán, coreano, checo, chinés, eslovaco, euskera, galego para non galego falantes, grego moderno, húngaro, italiano, lingua de signos, neerlandés, polaco, portugués, ruso, sueco e xaponés. No nivel intermedio poderá realizarse a matrícula en francés, lingua de signos e inglés, deste último tamén en nivel avanzado. No Campus de Lugo, en iniciación ofértanse alemán, italiano, lingua de signos e portugués, ademais de inglés en intermedio.

Os cursos de iniciación inclúen contidos lingüístico dos nivel A1 segundo o MECR necesarios durante as estadías de estudo, traballo ou turismo así como outros contidos relacionados coa cultura e civilización dos países de fala. No caso dos cursos de inglés e de francés en nivel intermedio e avanzados poden servir como preparación para os exames de acreditación segundo o MECR. En todos os cursos de linguas modernas, máis que contidos gramaticais, preténdese ofrecer técnicas e prácticas de destrezas, estratexias de comunicación así como contidos específicos e funcionais útiles nas estadías no estranxeiro.

Os cursos celebraranse entre o 11 e o 22 de xullo agás o intensivo de inglés B1 que se celebrará do 2 ao 30 de xuño. As prazas cubriranse por estrito orde de matrícula, que se realizará dende a web do CLM www.usc.es/clm.

The contents of this page were updated on 05.04.2016.