Skip to main content

O proxecto internacional STAR-ProBio reúnese na USC

Foto de grupo dos participantes na xuntanza. Foto: Iria Lema
Foto de grupo dos participantes na xuntanza. Foto: Iria Lema
Apoia a Comisión Europea no establecemento de iniciativas políticas e industriais no marco da certificación da sustentabilidade para bioprodutos

O proxecto STAR-ProBio desenvolve estes días na USC a segunda reunión anual da súa Asemblea Xeral. Coordinado pola Universidade Unitelma Sapienza e con 15 socios de 11 países europeos, busca apoiar a Comisión Europea no establecemento de iniciativas políticas e industriais no marco da certificación da sustentabilidade para bioprodutos. Trátase dun proxecto cun enfoque multidisciplinar que integra aspectos científicos e de enxeñaría con outros baseados nas ciencias sociais e humanidades para formular as bases de modelos de innovación empresarial no sector dos produtos de orixe biolóxico.

Dende a USC participa nel o grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química, liderado polos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, que estuda as cargas ambientais do cultivo das materias primas e o seu pretratamento para a produción de bioprodutos, así como os impactos sociais e socioeconómicos relacionados con toda a cadea de valor. O proxecto xa deu lugar á publicación de capítulos de libro e artigos científicos en revistas internacionais de elevado índice de impacto como Corporate Social Responsibility and Environmental Management, Biofuels, Bioproducts & Biorefining, Chemical Engineering Journal e Industrial, Crops and Products.

The contents of this page were updated on 04.01.2019.