O Paraninfo acolle o concerto-estreo de pezas para dous violíns e piano de Eduardo Rodríguez-Losada
Un concerto-estreo recuperará este luns 9 a obra de Eduardo Rodríguez-Losada a través de tres pezas para dous violíns e piano, nunha cita ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia.
Nelly Iglesias Ríos ao piano, xunto a Laure Moure Pereda e Ângela Neto Domingues ao violín interpretarán un programa que inclúe as pezas Allegro de la Sonata en Re menor, Preludio el Sol mayor e Sonata en Sol menor do que fóra arquitecto e músico Eduardo Rodríguez-Losada (1886-1973). Música de cámara, sinfonías, poemas sinfónicos e catro sinfonías son os principais ingredientes da produción musical de Rodríguez-Losada, quen na súa produción operística tomou como base argumental lendas e feitos históricos de Galicia.
Laura Moure Pereda
Laura Moure (Ourense, 1985) é titulada superior na especialidade de violín e mestrado en Interpretación Violinística polo Real Conservatorio de Música de Amberes. Combina a súa actividade pedagóxica en diferentes escolas de música e colexios coa actividade concertística, tanto en pequenas como formacións como nas sinfónicas, tanto na xeografía galega como noutros países como Italia, Holanda ou Bélxica. Tamén posúe formación de canto lírico a mans do tenor cántabro José Antonio Ocampo. Neste ámbito gañou varios premios na comunidade galega.
Gravou discos colaboratorios con formacións como Mutenrohi, Festival Xeración 200+7, Hansel e Gretel, tanto de cantante como de violinista. Actualmente, combina o seu labor pedagóxico na Escola de Estudos Musicais A Tempo (Pontevedra) coa súa actividade como Concertino da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e violinista activa na Orquestra Vigo 340.
Ángela Neto Domingues
Ángela Neto (Leiría, Portugal) é titulada superior na especialidade de violín e mestrado en Especialización Orquestral da Escola Superior de Altos Estudos de Santiago, colaborando con regularidade coa Real Filharmonía de Galicia. Colabora con varias orquestras asiduamente o que lle permitiu tocar baixo a dirección de David Afkham, Christohp Köning, Paul Daniel, Ivor Bolton our Gordan Nikolic. Dende 2007 é membro activo da Orquestra Vigo 340 e en 2013 foi admita na World Orchestra.
Concilia os seus estudos coa docencia en varias escolas de música, sendo profesora actualmente na Escola de Música Play de Santiago e na Escola de Música Musikartis de Bertamiráns.
Nelly Iglesias Ríos
Nelly Iglesias (Lugo, 1989) é doutoranda na área de Historia da Musica onde prepara a súa tese de doutoramento sobre a vida e obra musical de Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, baixo a tutela de Javier Garbayo. Compaxina este labor coa dirección do Conservatorio Elemental e Escola de Música Municipal de Cambados.
En 2011 accede ao Mestrado de Piano en Maastricht coa recoñecida pianista e solista internacional belga, Katia Veeksmans enfocando o seu programa en autores como Prokofiev, Chabrier ou Franck Martin, entre outros. Ademais, asistiu a cursos de perfeccionamento con pianistas como Olga Smouchina, Albert Atenelle, Nino Kereselidze, Valentina Berman ou Martyn van der Hoek, entre outros.