A USC conmemora o Día das Letras Galegas cun acto literario dedicado a Manuel María
“Un poema é un ser vivo/ que anda, respira, soña,/ chora, salouca, ama, berra, cala,/ centila e escurécese,/ fala coas cousas e coa xente.../”. Este versos conforman parte de ‘O poema’ incluído en Poemas da luz resucitada, un dos cadernos facsimilares de carácter inédito que conforman o volume co que a USC se suma un ano máis á conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado en 2016 ao poeta Manuel María, (Outeiro de Rei, Lugo, 1929-A Coruña, 2004). En palabras do reitor Juan Viaño, esta é “unha data viva, como a propia lingua que honramos hoxe” para coa que a Universidade ten “unha responsabilidade clara”, porque “o galego é, sen dúbida, a nosa achega máis consistente á cultura universal e cómpre que todos e todas teñamos claro a responsabilidade de cada un para lograr que siga sendo o mellor legado para os nosos fillos e para as nosas fillas”.
Presentado no transcurso dun acto literario que presidiu o reitor no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o libro Manuel María. Día das Letras Galegas 2016 recolle dous cadernos e nove debuxos inéditos que “ mostran o traballo artesán dos seus versos, manuscritos, mecanoscritos, encadernacións e debuxos”, apunta na introdución a profesora de Literatura Galega Carmen Blanco, coordinadora da edición.
A propia profesora Carmen Blanco García, que pronunciou a conferencia ‘Será o amor a luz do mundo’, destacou de Manuel María a súa dimensión como artesán da palabra e da lingua ao tempo que lembrou de xeito anecdótico como o propio Manuel María dicía “con humor e retranca que escribía cando non tiña con quen falar”. A edición preparada para a conmemoración das Letras Galega deste ano busca presentar material singular e propoñer unha lectura crítica que permita descubrir facetas descoñecidas de Manuel María ao tempo que “nos achegamos á lingua”.
“O galego somos nós mesmos postos en palabras” afirmou pola súa banda o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, “un patrimonio inmaterial de toda a humanidade”. E dentro do propio contexto do acto lembrou que “o pobo galego a a lingua galega foron dos temas recorrentes” nas obra e na vida de Manuel María, poeta que a través da súa produción literaria sinala o idioma como “a chave coa que que abrimos o mundo” , ao que o profesor Cidrás engadiu a súa dimensión como “clave para comprendermos o universo” .
O volume presentado este venres en Fonseca fai “o número 47 dunha xeira que principiou a Universidade en 1970, cun humilde libriño sobre o señor de Vilancosta, don marcial Valladares, a quen aquel ano se dedicada a efeméride”, apuntou. Esta traxectoria representa “un fito do que ningunha outra institución se pode gabar, agás da propia Academia, organizadora do evento”.
Na sesión celebrada no Colexio de Fonseca, completaban a mesa presidencial o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, e a vicerreitora de Servizos Culturais do Campus de Lugo, Carmen Silva Domínguez.