A segunda promoción de enxeñeiros agrónomos formados na Escola Politécnica Superior celebra este sábado as vodas de prata
Os membros da segunda promoción da enxeñeiros agrónomos formados no campus de Lugo entre 1988 e 1991 celebrará este sábado 14 de maio, a partir das 12.30 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior un acto conmemorativo co gallo do seu 25 aniversario.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Francisco Maseda Eimil, e a secretaria da Escola Politécnica Superior do Campus Terra, Montserrat Valcárcel Armesto, ofrecerán unha recepción a todos os participantes na celebración desta efeméride, unha sesión na que tamén estará presente o vogal da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC Jesús López Romalde.
Logo desta primeira xuntanza, os asistentes procederán á inauguración dunha placa conmemorativa no ‘Recanto da Saudade’, simbolizado no monólito instalado nas inmediacións do campus universitario de Lugo. Un percorrido polas instalacións da Escola Politécnica, seguido duns petiscos na cafetería do centro, servirán de colofón desta xornada de confraternidade.