Skip to main content

O arqueólogo Celso R. Cao abre este venres o programa de visitas ‘Noites na Domus’ co acompañamento musical de Germán Díaz

Xacemento arqueolóxico do Museo Universitario A Domus do Mitreo
Xacemento arqueolóxico do Museo Universitario A Domus do Mitreo
O primeiro pase terá lugar ás 20.30 horas e o segundo comezará unha hora máis tarde. As entradas poden retirarse este xoves de 9.00 a 14.00 horas na Vicerreitoría de Lugo

O programa ‘Noites na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, comeza este venres 5 de abril. O arqueólogo Celso R. Cao será o responsable de conducir as dúas quendas de visita programadas nesta xornada, a primeiro ás 20.30 horas, e a segundo, unha hora máis tarde, na que o público participante poderá gozar coa música de Germán Díaz. As persoas interesadas en participar nesta primeira sesión do programa ‘Noite na Domus’ poderán retirar as entradas este xoves, de 9.00 a 14.00 horas, nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será o encargado de guiar as visitas organizadas ao abeiro deste programa, que contempla outras dúas xornadas musicadas os vindeiros días 3 e 15 de maio, nas que o elemento musical correrá a cargo do zanfoñista Germán Díaz e do grupo coral Solo Voces, respectivamente.

O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada polo xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas a través das súas composicións sonoras. Como o aforo está limitado a 25 persoas, as entradas, que son gratuítas, poderán recollerse o día antes na Oficina de Cultura da da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

‘Noites na Domus’ permitirá aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou esta casa, os motivos do seu traslado, así como o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era a persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular.

A Idade Media tamén cobrará relevancia na disertación de Celso. R. Cao, quen fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, tales como o feito de que a basílica non ocupe un lugar central dentro do burgo. ‘Noites na Domus’ posibilitará tamén unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral.

The contents of this page were updated on 04.03.2019.