A USC repite por décimo ano entre as 500 mellores universidades no eido da produción científica
Por décimo ano consecutivo, a USC figura entre as 500 mellores universidades do mundo segundo o National Taiwan University Ranking (NTU Ranking), clasificación internacional baseada en indicadores obxectivos para medir o rendemento da produción científica das universidades. Das españolas, a Universidade de Santiago é a décima de España, dun total de dezasete recollidas: (por orde) as universidades de Barcelona, Autónoma de Barcelona, Valencia, Autónoma de Madrid, Granada, Complutense, País Vasco, Oviedo, Pompeu Fabra, Santiago de Compostela, Salamanca, Politécnica de Valencia, Zaragoza, Politécnica de Cataluña, La Laguna, Cantabria e Sevilla.
No posto 404 da clasificación xeral, a investigación realizada pola USC destaca igualmente no ámbito específico das Matemáticas situándose na posición 76 de entre as mellores universidades do mundo. Igualmente destacadas son as posicións acadadas no ámbito das Ciencias da agricultura (162), Enxeñaría mecánica (180), Enxeñaría química (219), Farmacoloxía e Toxicoloxía (255), Química (255), Enxeñaría Civil (258), Ciencia da plantas e dos animais (280), e Ambiente e ecoloxía (297). De entre un total de seis campos temáticos, a USC figura na posición 278 do da Agricultura, na posición 278.
Na súa confección, este ránking toma en consideración tres criterios: o de excelencia da investigación (40% da nota final), impacto (35%) e a produción científica (25%). Neste senso para medir a excelencia valóranse o número de artigos altamente citados no período 2005-2015 e o de artigos publicados en 2014-2015 en publicacións de alto impacto; mentres que para o de impacto aténdese ao número de citacións nos dous últimos anos, a media de citacións acadada entre 2005 e 2015 e o índice h entre 2014 e 2015. Finalmente, o NTU Ránking mide a produtividade a partir do número de artigos publicados nos últimos once anos, os de 2015 e o índice de citación do período 2005-2015.
NTU Ranking emprega datos especificamente cuantitativos extraídos do Science Citation Index (SCI) e do Social Sciences Citation Index (SSCI), por entender que “na actualidade a publicación en revistas científicas internacionais tense convertido no modo predominante de dar conta da produción científica”. Ademais, en opinión dos promotores do estudo, os datos estatísticos relativos á publicación de artigos achega unha representación obxectiva da capacidade investigadora de cada universidade.
A selección das 500 universidades máis destacadas baseouse na información obtida do Essential Science Indicators (ESI). Dun censo inicial de 4.000 institucións investigadores contidas en ESI, a primeira selección reduciu esta cifra a 900, atendendo ao número de artigos publicados e ao número de citacións.