Skip to main content

Aberta a inscrición nas camiñadas ornitolóxicas e botánicas organizadas polo campus de Lugo durante o mes de outubro

Cartaz das camiñadas de outono
Cartaz das camiñadas de outono
As rotas promovidas a iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da EPS desenvolveranse os días 20, 24 e 28 deste mes en quenda de tarde

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC mantén aberta a inscrición nos tres camiñadas guiadas organizadas pola contorna da sede universitaria luguesa e a través da que os participantes poderán coñecer o patrimonio ornitolóxico, botánico e lingüístico desta zona próxima ao casco urbano lugués.

As camiñadas programadas para este outono desenvolveranse os días 20, 24 e 28 de outubro en quenda de tarde,a partir das 16.30 horas. A primeira das rutas, programada para o xoves 20 de outubro, pretende achegarse ao patrimonio ornitolóxico e ao lingüístico vinculado, a través dun itinerario que descorrerá por ecosistemas diferentes (pradarías, río Miño e o bosque asociado...) e que permitirá contemplar un amplo abano de especies (pombos, lavandeiras brancas, xílgaros, picapeixes, lavancos...). Esta ruta, que estará guiada por Xoán Puente, de Venveraves, comezará as 16.30 horas diante da Biblioteca Intercentros e terá unha duración aproximada de dúas horas e media. Esta mesma ruta celebrarase de novo o 28 de outubro no caso de que todas as persoas interesadas non puideran participar na primeira sesión. O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro, e Julián Alonso Díaz, da Sociedade Micolóxica Lucus, guiarán o 24 de outubro unha rota de carácter botánico e micolóxico. Os camiñantes participantes partirán ás 16.30 horas das inmediacións do Colexio Galén de Lugo. As tres actividades programadas neste mes de outubro son gratuítas, aínda que é preciso inscribirse no enderezo de correo electrónico mariadolores.vazquez [at] usc.es (mariadolores[dot]vazquez[at]usc[dot]es). Os organizadores recomendan ás persoas participantes levar roupa e calzado cómodos. Uns prismáticos e unha cámara de fotos permitirán gozar aínda máis da camiñada ornitolóxica, do mesmo xeito que tamén é recomendable unha pequena cesta e unha navalla para recoller cogomelos.

The contents of this page were updated on 10.11.2016.