Skip to main content

Conmemoran na USC o bicentenario da morte de Francisco José de Caldas

Conmemoran na USC o bicentenario da morte de Francisco José de Caldas
Conmemoran na USC o bicentenario da morte de Francisco José de Caldas

O recoñecido científico e heroe da independencia de Colombia Francisco José de Caldas (1768-1816), do que este ano se cumpre o bicentenario da súa morte, ten as súas raíces paternas en Galicia, en concreto no Concello de Caldas de Reis. Por esa razón, o municipio pontevedrés quere recuperar a memoria do fillo de José de Caldas, quen chegou a ser alcalde da cidade colombiana de Popayán, unha das máis importantes do virreinato do Novo Reino de Granada.

A homenaxe a Francisco José de Caldas á que se suma a Universidade de Santiago terá lugar o xoves 20 ás 18.00 horas no Paraninfo (Facultade de Xeografía e Historia), nun acto no que intervirán diversos especialistas colombianos e da institución docente compostelá que compoñerán unha imaxe da figura e obra do científico e prócer da independencia de Colombia.

O Sabio Caldas
Francisco José de Caldas, coñecido como ‘o Sabio Caldas’, foi xeógrafo, botánico, astrónomo, naturalista e xornalista científico. Estivo vinculado á Real Expedición Botánica e foi o primeiro director do Observatorio Real Astronómico de Santa Fe de Bogotá. Entre os seus múltiples logros científicos figura a invención do hipsómetro, un termómetro que serve para medir a altitude dun lugar observando a temperatura á que alí empeza a ferver a auga.

Tomou ademais parte do movemento pola independencia de Colombia, sendo un dos personaxes máis importantes da historia dese país. Sentenciado a morte por un tribunal militar, foi fusilado en 1816.

The contents of this page were updated on 10.14.2016.