Skip to main content

Un repaso á historia da miniatura

Un repaso á historia da miniatura
Un repaso á historia da miniatura

A finais do XIV o miniaturista valenciano Sancho Gontier empregou a expresión Pro iluminatura para referirse ao prezo a percibir pola decoración engadida a un manuscrito aviñonés preexistente e que quedara inacabado. Hoxe ese termo dá nome a un seminario que durante todo o curso se asomará á historia da miniatura organizado pola profesora Mercedes López-Mayán.

A primeira cita será este martes 18 ás 11.00 horas na Aula 13 da Facultade de Xeografía e Historia cunha conferencia da profesora da Universidade de Lleida Josefina Planas sobre os libros iluminados durante os séculos do gótico en Cataluña.

De asistencia gratuíta, previa inscrición no enderezo mercedes.lopez-mayan [at] usc.es (mercedes[dot]lopez-mayan[at]usc[dot]es), diríxese a persoas tituladas e estudantes de posgrao na área de Artes e Humanidades así como a doutorandos con especial atención aos do programa en Estudos Medievais e no de Historia, Xeografía e Historia da Arte, así como a persoal docente e investigador de Historia da Arte, Historia, Filoloxía románica e clásica e Ciencias e técnicas historiográficas e a público interesado.

Logo da charla de outubro, o seminario continuará o día 13 de decembro para abordar a creatividade e copia na miniatura plenomedieval hispana. Xa no mes de febreiro, o día 10, Ana Lemos e Catarina Fernandes Barreira, do Instituto de Estudos Medievais da Universidade Nova de Lisboa, tratarán a análise de pigmentos ao servizo da Historia da Arte, mentres que o 4 de abril Francesca Manzari, da Università degli Studi di Rima La Sapienza, referirase á miniatura en Aviñón na primeira metade do século XIV e as súas relacións con Italia. O ciclo rematará o 6 de xuño cando Alicia Miguélez, tamén do Instituto de Estudos Medievais de Lisboa, pronuncie o relatorio ‘Os beatos. Novas achegas’.

The contents of this page were updated on 10.14.2016.