Skip to main content

Un congreso internacional aborda na Escola Politécnica Superior os servizos culturais dos ecosistemas e o patrimonio

Representantes de 15 universidades e centros de investigación de seis países europeos participan do 19 ao 21 de outubro na ‘RegioResources21’ no Campus Terra da USC

Os servizos culturais dos ecosistemas e o patrimonio cultural centrarán a temática e as intervencións programadas no marco do congreso internacional RegioResources21, un foro organizado polo Instituto Europeo de Usos do Territorio que congregará desde este mércores ata o venres 21 de outubro na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC representantes de 15 universidades e centros de investigación de seis países europeos.

A RegioResources21 constitúe unha iniciativa de carácter internacional que botou a andar hai xa un lustro coa pretensión de establecer un diálogo interdisciplinar e permanente sobre elementos de sustentabilidade ambiental na planificación e ordenación do territorio , toma de decisións e desenvolvemento de políticas a múltiples niveis e escalas, segundo sinala o coordinador deste congreso, o profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPS e investigador do grupo , Emilio Díaz Varela. A vicerreitora de Servizos Culturais do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abrirá este mércores, ás 15.00 horas, a xornada inaugural desta reunión científica internacional. Este congreso está estruturado en tres sesións temáticas, nas que distintos relatores procedentes de Eslovaquia, Alemaña, Polonia, Italia, Finlandia e España, abordarán cuestións relativas a servizos de ecosistemas culturais e desenvolvemento rexional sustentable, cartografía e avaliación destes servizos, e gobernanza de bens culturais. Os promotores deste programa, cuxos relatorios están abertos á participación do estudantado do Campus Terra da USC, pretenden que este tipo de reunións científicas contribúan a proporcionar unha visión xeral sobre solucións innovadoras para atallar os problemas advertidos nos chamados ecosistemas culturais. Facilitar o intercambio intelectual e a transferencia metodolóxica entre as diferentes disciplinas implicadas na xestión de recursos rexionais, planificación, toma de decisións e o apoio ao desenvolvemento de políticas para o uso sustentable dos recursos naturais e do territorio, son outros dos cometidos da RegioResources21.

The contents of this page were updated on 10.18.2016.