Skip to main content

O Foro ‘Ler o mundo hoxe...’ profunda na perspectiva de xénero

O Foro ‘Ler o mundo hoxe...’ profunda na perspectiva de xénero
O Foro ‘Ler o mundo hoxe...’ profunda na perspectiva de xénero

‘En clave de equidade de xénero’ é o nexo común das tres sesións que o ciclo ‘Ler o mundo hoxe... no diálogo Universidade-Sociedade’ celebrará nos vindeiros días. Co obxecto de fomentar as prácticas lectoras no seo da comunidade universitaria e na sociedade en xeral, o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA_Interea) organiza ‘Ler o mundo hoxe...’. Esta é unha iniciativa que, nas distintas sesións programadas ata finais de ano, proporá diversos debates en relación a cuestións como educación, xénero, perspectiva cidadá ou medio ambiente. SEPA_Interea está recoñecido como grupo de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego e está coordinado polo profesor José Antonio Caride.

A sesión programada para este mércores 19 no Salón de Actos da Facultade de Filosofía comezará ás 16.30 horas cun diálogo gratuíto e aberto ao público ata completar aforo arredor do tema ‘O mundo en feminino’ no que se darán cita a xornalista Tareixa Navaza e a escritora e profesora Teresa Moure. A continuación está prevista unha visita guiada co lema ‘Lendo a cidade en clave de xénero’ que conducirá a arquitecta do Consorcio de Santiago de Compostela Idoia Camiruaga.

A seguinte sesión será o día 26 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) cunha mesa de experiencias sobre educar para conciliar con representantes de Banco do Tempo do Concello de Vigo, de Feiraco (Premio Responsabilidade Social Empresarial da Xunta de Galicia) e do IES Chapela polas súas iniciativas de boas prácticas educativas. Ese mesmo día está prevista unha sesión de danza-teatro como mostra dunha estratexia para a acción comunitaria. Ao día seguinte, o 27, celebrarase un cinefórum coa proxección de ‘Solas’ de Benito Zambrano.

O Foro
O Foro conta coa colaboración e co financiamento do Consello Social da USC, a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), a Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC), así como do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Foro ten como principal obxectivo “promover e desenvolver unha proposta formativa que –tendo a lectura como eixo central– posibilite miradas e interpretacións plurais sobre as realidades socioambientais no local-global, que fortalezan o compromiso cívico e democrático da comunidade universitaria e dos seus vínculos coa sociedade que a contorna”.

Ao longo de novembro, o Foro orientarase dende a perspectiva da cidadanía e participación (días, 3, 9 e 16) e en decembro en clave de sustentabilidade ambiental: (días 1 e 14). A proposta integra catro lecturas do mundo dende unha perspectiva multidisciplinar e tres actividades transversais. As lecturas converxen con catro das liñas de investigación do grupo: os tempos educativos e sociais, a equidade de xénero, a construción da cidadanía nos procesos de participación social e a sustentabilidade ambiental. Pola súa banda, as actividades transversais concrétanse nun concurso de microrrelatos, un concurso de ideas para fomentar o hábito lector na Universidade, así como na celebración do Día Internacional da Lectura Universitaria que celebra a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), da que a USC forma parte, e que coincide co 29 de abril de 2017.

Na web do grupo http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/sepa_interea/ e no facebook https://es-la.facebook.com/sepa.interea/ pódese consultar o programa desta iniciativa, a desenvolver entre os meses de setembro de 2016 e maio de 2017, en diferentes espazos e equipamentos de Compostela, Lugo e Rianxo para compartir coloquios, diálogos, música, teatro e literatura nas súas diferentes modalidades (narrativa, poesía, ensaio, ...). O equipo de coordinación deste Foro está integrado polos profesores da USC José Antonio Caride, Belén Caballo, Rita Gradaílle, Pablo Meira e Laura Varela, aos que se engade o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña, membro da Comisión Directiva da RIUL en representación das Universidades galegas.

The contents of this page were updated on 10.18.2016.