Skip to main content

Turismo Rural e Desenvolvemento Sustentable, tema dun congreso internacional en Xeografía e Historia

De esquerda a dereita, Marcelino de Souza, Juan Monterroso e Xosé Santos. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Marcelino de Souza, Juan Monterroso e Xosé Santos. Foto: Servimav-USC

O grupo de Análise Territorial (ANTE) e o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da USC co organizan xunto coa Universidade Federal do Rio Grande do Sul e o Grupo Mercados Não Agrícolas Rurais o décimo congreso Citurdes, Congreso Internacional de Turismo Rural e Desenvolvemento Sustentable. Celebrarase entre este mércores 19 e o próximo venres 21 na Facultade de Xeografía e Historia, sendo a segunda ocasión na súa historia que visita un país europeo.

Na inauguración participaron o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o profesor da USC Xosé Santos Solla; e o profesor Marcelino de Souza, da Federal do Río Grande do Sul. Deseguido, a profesora Marta Irving pronunciou a primeira conferencia plenaria do programa, titulada ‘Integrando natureza e cultura pola perspectiva da ecoloxía social: áreas protexidas como foco privilexiado para reflexión’, que deu paso ás xuntanzas simultáneas dos distintos grupos de traballo.

O tema central do encontro é o ‘Turismo no espazo rural: balance crítico’, a modo de reflexión sobre os últimos acontecementos neste ámbito sectorial e na procura de avaliar o que se ten realizado. Os diferentes grupos de traballo propostos abordarán algúns dos retos necesarios dende unha mirada crítica. Entre eles, inclúense os relacionados cos espazos naturais protexidos, cuestións de xénero e sexualidade, a desagregación ou as réplicas de modelos que xeran competencias e imitacións e que reflicten a falta de estratexias adecuadas. Ademais, o congreso concíbese como unha oportunidade para destacar exemplos de éxito que se teñen creado nos últimos anos así como as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías de cara ao futuro.

The contents of this page were updated on 10.19.2016.