A editora en xefe da revista Chemical and Engineering News disertará na USC sobre comunicación científica
Bibiana Campos Seijo, editora en xefe da revista Chemical and Engineering News -a revista semanal da American Chemical Society- pronunciará o vindeiro luns 10 a conferencia ‘Comunicacións científicas: de Galicia para o mundo’. A cita será ás 12.00 horas no Salón de Actos do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS).
Licenciada en Química pola USC, Bibiana Campos é responsable dun grupo de xornalistas e editores que cobren o ámbito da química e a enxeñaría química en todos os seus aspectos, dende as últimas novidades en investigación e desenvolvemento ata as máis recentes en educación e industria. Xustamente na súa intervención do próximo luns compartirá as experiencias e eventos que a levaron a desenvolver unha carreira no ámbito da comunicación científica.
Dende o que a atraeu á ciencia dende unha idade temperá ata chegar a liderar un equipo de xornalistas para a sociedade científica máis grande do mundo, a doutora Campos Seijoo rememorará nesta conferencia a súa viaxe cara o mundo do xornalismo científico. Ademais ofrecerá orientación a todas aquelas persoas que desexen seguir os seus pasos describindo os que considera que son atributos e cualidades necesarias.
Con anterioridade, Bibiana Campos foi editora en xefe dun grupo de revistas publicadas por Advanstar Communications e, máis recentemente, da revista Chemistry World, publicación mensual da Royal Society of Chemistry. Tamén ten experiencia como editora técnica na European Respiratory Society e é vicepresidente d a Co C&EN Media Group.