Skip to main content

O Día da Ciencia en Galego homenaxea o que fora catedrático da USC Ignacio Ribas Marqués

Foto: RAGC
Foto: RAGC

O Día da Ciencia en Galicia homenaxeou este sábado na Facultade de Química o que fora catedrático da USC Ignacio Ribas Marqués, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento. Organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), o acto presidiuno o reitor da USC, Juan Viaño e nel participaron tamén o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; a decana da Facultade, Pilar Bermejo; o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios; o profesor Francisco Díaz-Fierros, en representación do Consello da Cultura Galega; e o director da Área de Servizos de Gain, José M. Abella. Este acto académico centra un programa de actividades en torno á figura do científico a través dos seus traballos sobre obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas.

Na mesma sesión entregóuselle ao xornalista Raúl Romar o Premio Galicia de Xornalismo Científico, convocado pola RAGC coa colaboración da Consellaría de Economía, Emprego e Industria Ademais, na planta baixa da Faculta de Química inaugurouse unha mostra que axuda a comprender a relevancia de Ribas Marqués, e xa o día 19 unha conferencia profundará na difusión do traballo do científico entre o alumnado do centro.

O Día da Ciencia en Galicia reivindica a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. No caso de Ribas Marqués, a súa designación foi aprobada por unanimidade dada a súa consideración “como artífice do despegue da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas”, actividade continuada posteriormente pola numerosa escola de discípulos.

Ribas foi moi reivindicativo dende o comezo da súa carreira co financiamento da ciencia e coa conexión da investigación co progreso de calquera sociedade. Como lembra a Real Academia Galega de Ciencias, durante a inauguración do curso 1930-1931 na Universidade de Salamanca pronunciou un discurso no que asociaba investigación e desenvolvemento económico, “os países que non teñen ciencia son pobres, viven unha vida moral e material mediocre. No moral son escravos dos prexuízos que xera a ignorancia. No material, viven sometidos aos poderosos”, afirmou. Esta visión precursora levouno a apoiar a entrada no sector empresarial de moitos dos 68 doutores aos que dirixiu a tese e así poder aplicar na industria o saber adquirido e desta forma facer transferencia de coñecemento.

Ignacio Ribas
Ignacio Ribas Marqués naceu en Palma de Mallorca en 1901 e viviu en Santiago de Compostela dende 1942 ata o seu falecemento en 1996. Obtivo a licenciatura na Universidade de Valencia e iniciouse na investigación en Madrid como discípulo de Antonio Madinaveitia, o seu director de tese. Completou a súa formación no Instituto Pasteur de París durante dous anos, para en 1928 gañar as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Universidade de Salamanca.

En 1942 accede á cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da USC, na que permanecerá ata a súa xubilación en 1971. Durante esta etapa centrou o seu esforzo investigador na obtención de produtos naturais procedentes de plantas autóctonas e da cortiza, co obxectivo de identificar novas substancias e poñelas en valor. Este labor foi o que lle valeu o maior recoñecemento a nivel internacional e o que creou unha escola con numerosos discípulos en Santiago.

O estudo dos compoñentes da cortiza permitiulle obter dela substancias con aplicacións na industria da perfumaría. Tamén investigou a hormona xuvenil dos insectos, co obxectivo de desenvolver un insecticida ecolóxico e o cornecho do centeo, este último en colaboración co Instituto Miguel Servet co fin de obter alcaloides con aplicacións médicas como facilitadores da expulsión da placenta e para evitar o sangrado despois do parto. Non obstante, o obxecto principal das súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas. A xesta, a carqueixa ou o codeso permitíronlle obter substancias aínda non coñecidas que el bautizou con nomes alusivos á xeografía galega como orensina, pontevedrina, coruñina ou santiaguina, en homenaxe á súa terra adoptiva.

Ata mediados da ditadura non se recoñeceu oficialmente o seu traballo. Neste senso, un dos pasos fundamentais foi a concesión de apoio para a fundación e dirección do laboratorio de Química Orgánica do Consello Superior de Investigacións Científicas en Santiago, xerme do actual Instituto de Investigación Agrobiolóxicas.

Autor de máis dun cento de publicación científicas, cofundador e primeiro presidente do grupo especializado de Química Orgánica da Real Sociedad Española de Física e Química, como explica a RAGC Ignacio Ribas Marqués deixou unha destacada pegada en Galicia “que estaba pendente de dar a coñecer á sociedade”. Entre os recoñecementos ao seu labor, atópanse a Medalla de Ouro da Universidade de Salamanca, o Premio de Ciencias do CSIC, a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso X El Sabio e o nomeamento como doutor honoris causa pola Universitat de les Illes Balears. En Galicia, tomando o relevo do Premio Galicia de Investigación de 1987 e da Medalla Castelao da Xunta de Galicia outorgada en 1991, a RAGC reivindica agora a súa figura dedicándolle o Día da Ciencia.

The contents of this page were updated on 10.07.2016.