Skip to main content

Relacións Laborais organiza unha xornada técnica sobre a empresa saudable

Relacións Laborais organizará este xoves 6 unha xornada técnica dirixida a empresarios, asesores laborais, servizos de prevención e de saúde laboral para dar a coñecer as vantaxes que supón ás empresas converterse en ‘Empresas Saudables’. Este é un concepto segundo o que as organizacións priorizan a promoción da saúde dos seus traballadores coa conseguinte incidencia na mellora da competitividade e da eficiencia.

A xornada celebrarase entre as 10.00 e as 13.30 horas coa colaboración da Mutua Universal e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. A decana da Facultade de Relacións Laborais, Silvia Moscoso Ruibal, e o director territorial de Mutua Universal, Antolín Sanz Pérez, abrirán a xornada ás 10.00 horas, aos que seguirá Javier Trallero Vilar, responsable de Saúde Laboral de I+D de Mutua Universal, cun relatorio no que introducirá o concepto de empresa saudable.

A partir das 12.00 horas analizaranse nunha mesa de debate con casos de boas prácticas en empresas na que intervirán a responsable do Servizo de Vixilancia da Saúde da USC, Mª Carmen Pardinas Añón; a responsable do Departamento de Seguridade e Saúde Laboral de Hijos de Rivera, Cristina Dosil Albéniz; e o responsable do Servizo Médico de PSA Peugeot Citroën en Vigo, José Luís Martínez-Murillo Méndez. O director xerente de Mutua Universal, Juan Antonio Güell Ubillos, e o xerente da USC, José Manuel Villanueva Prieto, clausurarán a xornada nun acto que comezará ás 13.15 horas.

Esta xornada técnica servirá tamén para dar a coñecer a Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo e o proceso de certificación como Empresa Saudable.

The contents of this page were updated on 10.05.2016.